O próximo luns, día da Virxe do Mar, festivo local en Oia

O próximo luns 24 de maio será un dos dous días elixidos pola Corporación Municipal como festivo local para este 2021. A data correspóndese co día dedicado á Virxe do Mar, patroa de Oia e coñecida popularmente polo nome de “A Delamar”.

A festividade da Virxe do Mar, de gran tradición en Oia, non ten data fixa por celebrarse o luns seguinte á festa de Pentecostés (que, á súa vez, celébrase 50 días despois da Pascua). Tendo en conta isto, neste ano a celebración coincide o 24 de maio.  

Precisamente a Virxe do Mar é a protagonista do último libro editado polo Concello. A obra, elaborada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO), coa coordinación e elaboración de textos do historiador Fernando Javier Costas Goberna, presentouse o pasado ano co gallo do 250 aniversario da colocación da figura da virxe no camarín do Altar Maior da igrexa parroquial de Santa María de Oia.

O libro “O Mosteiro de Oia e a Virxe do Mar” repartiuse de xeito gratuíto durante o pasado Nadal. Porén, se algún veciño ou veciña quere dispor dalgún exemplar da obra, pode solicitala poñéndose en contacto co Concello no teléfono 986.36.21.25.

O outro festivo, 29 de setembro

O outro festivo local en Oia será o mércores 29 de setembro, coincidindo coa festividade dedicada a San Miguel. Neste caso, trátase do patrón da parroquia de Viladesuso. 

En anteriores anos tense escollido como festivo local o 7 de agosto, día dedicado a San Mamede, patrón de 2 das 6 parroquias do municipio: Loureza e Pedornes. Neste 2021 a posibilidade quedou desbotada por coincidir en sábado.

Pin It on Pinterest

Share This