O sendeiro de Loureza-Burgueira de Oia incrementa as posibilidades da práctica de deporte ao aire libre e beneficiará ao turismo
A Xunta de Galicia achega o 80% da instalación da nova ruta circular de 12,5 quilómetros que contou cun orzamento de preto de 25.000 euros
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Luis López, e a alcaldesa Cristina Correa, visitou o concello pontevedrés de Oia onde a Xunta de Galicia vén de cofinanciar a instalación do sendeiro de Lourenzá-Burgueira por importe de preto de 25.000 euros (24. 177,94 euros), dos que a Xunta achegou o 80% (20.000 euros) e o Concello de Oia o 20% restante.
A ruta circular de 12,5 quilómetros percorre a marxe esquerda do río Tamuxe entre Loureza e o Pozo do Arco, para logo dirixirse a Burgueira e baixar novamente cara Loureza a través de pistas e camiños que, en certos puntos, permiten divisar a desembocadura do río Miño no Océano Atlántico. Neste itinerario atópanse varios conxuntos de pozas. Algunhas destas pozas están sinalizadas pola comunidade de montes. A contorna do Pozo do Arco acondicionouse no ano 2012, creando espazos de lecer con mesas e bancos, construíndo unha ponte sobre o río, rehabilitando muíños e creando unha pequena senda peonil que se emprega no trazado do sendeiro.
Grazas a esta ruta, dixo o secretario xeral, “o turismo deportivo de Oia verá incrementado o seu turismo que xa conta con importantes atractivos como o Camiño Portugués da Costa, a presencia do mar, o carril bici e o seu entorno natural, así como as boas comunicacións, condicións óptimas para o deporte ao aire libre”.
A ruta está sinalizada mediante paneis interpretativos, balizas e frechas, de forma que se pode percorrer sinxelamente de xeito autoguiado. Ademais, pódese acceder a rúta no seguinte enlace, e tamén no perfil de Wikiloc do Concello: Sendas de Oia.