Obradoiro de corresponsabilidade: Na casa, tod@s iguais
O Concello de Oia organiza durante este mes de novembro unha serie de obradoiros de corresponsabilidade que, baixo o título Na casa, todos/as iguais, buscan rebater os estereotipos e roles de xénero tradicionais. As actividades están dirixidas a alumnado de educación infantil e primaria, profesorado e familias.
Dentro destes obradoiros de corresponsabilidade, ao longo do mes de novembro desenvolveranse varias sesións co alumnado e equipos docentes de segundo ciclo de educación infantil e de primaria dos CEIP Mestre Manuel García e Refoxos.
Ademais, celebraranse unha serie de charlas-obradoiro dirixidas a nais e pais, e abertas á participación do público en xeral (ata completar aforo), os seguintes días:
–14 de novembro: Corresponsabilidade e uso dos espazos e o tempo: os/as nenos/as poden e deben botar unha man na casa. De 16.00 a 18.30 horas no CEIP Mestre Manuel García.
–20 de novembro: Poñendo límites: relacións de igualdade e respecto entre pais/nais e os seus fillos e fillas. De 16.00 a 18.30 horas no CEIP Refoxos.
–29 de novembro: Educar en igualdade é cousa de todos/as: imitación e perpetuación dos roles tradicionais. De 16.00 a 18.30 horas no CEIP Mestre Manuel García.
Rebater estereotipos de xénero
A iniciativa Obradoiros de corresponsabilidade: Na casa, todos/as iguais ten como obxectivo xeral rebater os estereotipos e roles de xénero tradicionais e comezar a traballar no concepto de corresponsabilidade como marco de participación activa de todos os membros do núcleo familiar.
Este proxecto supón un investimento total de 4.836,37 euros, financiado cunha achega do Concello de Oia e tamén a través dunha subvención para o fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra (Servizo de Igualdade).