Obradoiro veciñal de teatro en igualdade
Arredor dunha quincena de veciñas e veciños participaron no obradoiro de teatro veciñal que este ano se desenvolveu baixo o fío condutor “Oia, entre o monte e o mar, ten nome de muller”. A iniciativa tivo como eixos principais a palabra e o corpo e, cun enfoque desde a perspectiva de xénero, serviu para abrir unha reflexión arredor do papel da muller no rural.
A actividade, dirixida por Alfredo Rodríguez (A Artística) consistiu en varias sesións nas que se abordaron diversas artes performativas (teatro, música, danza, etc.) en colaboración con artistas colaboradoras como Olga Cameselle (danza), Elsa Pereira (danza) e Silvia Penas (poesía). Participaron arredor dunha quincena de persoas, na súa grande maioría mulleres, e de practicamente todos os rangos de idade (mulleres novas, mediana idade e maiores de 65).
O obradoiro desenvolveuse cunha sesión semanal ao longo de varios meses (os venres entre o 11 de marzo e o 17 de xuño) e enfocouse cara a promover unha experiencia de xogo dramático a partires da tradición material, inmaterial e paisaxística da contorna.
Así, partindo da propia experiencia das mulleres de Oia, aproveitouse para investigar desde o seu corpo e a súa voz, empregando as herdanzas escritas e orais de cada unha das participantes como xeito de facilitar unha reflexión e releitura a partires do valor da igualdade.
Unha visión feminina da propia historia, como xeito de recuperar a voz, a palabra, e aceptación do propio corpo desde unha perspectiva de xénero, cara a unha posible reflexión grupal e individual do papel da muller no rural galego, un rural marcado polo monte e polo mar.
A actividade tivo un custo total de 1.880 euros+IVE (total 2.274,80 euros), os cales foron financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género.