Oia acolle esta fin de semana unha nova edición da “Emoción dos Viños”

O Real Mosteiro de Oia acollerá a fin de semana do 18 e 19 de xuño a décimo segunda edición de “Emoción dos Viños”, un encontro de viticultores no que se poderán degustar o produto de case 90 adegas procedentes de Galicia, o resto da Península e o arquipélago canario. 

Nesta edición de 2022, que conta coa colaboración do Concello de Oia, participarán no evento preto de 90 adegas (45 cada día) procedentes de Galicia, do resto da península e do arquipélago canario. Esta representación garante a diversidade de viticultores que expresan con pasión a identidade das súas terriñas e paraxes, con matices que representan e transmiten tradicións diferenciadas, espazos únicos e as paisaxes de ensoño.

En cada edición, este evento xera un espazo acolledor para os amantes dos viños e da conversa coa xente que ama a esencia das terriñas nunha copa, cos viticultores con sensibilidade que buscan ir máis alá. Trátase dunha aposta pola sinceridade nos viños, de persoas honestas que respectan o entorno e ao consumidor. Deste xeito, reivindícase a expansión do pracer e da alegría de beber viños que falan de territorios, de persoas e de emocións.

A “Emoción dos Viños” desenvolverase os días 18 e 19 de xuño en horario partido, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. O prezo da entrada é de 17 euros para unha xornada e de 30 euros para as dúas xornadas. Os asistentes recibirán unha copa serigrafada. No recinto haberá unha tenda de viños para todas aquelas persoas interesadas en adquirir algunha botella.

Pin It on Pinterest

Share This