Oia acolle este sábado o seu primeiro torneo de petanca
O Club de Petanca “O Caldeiro” xunto co Concello de Oia organizan este sábado 6 de maio na Eira do Convento un torneo de petanca co obxectivo de dar a coñecer ese deporte e animar á veciñanza a practicalo. En caso de choiva, a actividade trasladarase a unha nova data.
Baixo a denominación I Torneo de Petanca Concello de Oia 2023, a competición desenvolverase na Eira do Convento, en Santa María de Oia. Ao longo de toda a xornada poderase contemplar aos xogadores do club “O Caldeiro”, de Camposancos (A Guarda), participando nun total de 7 partidas.
Para a celebración do torneo instalaranse 5 campos de xogo, nos que a competición terá lugar en horario de maña e tarde: das 9.30 ata as 14.00 horas (4 partidas) e de 16.00 a 19.00 horas (3 partidas).
A iniciativa pretende divulgar a práctica deste deporte e animar á veciñanza á súa práctica, rachando cos estereotipos que o consideran un xogo só para persoas maiores. No caso de que o evento suscite interese entre o público, as entidades organizadoras estudan a posibilidade de convocar unha nova competición e abrila á participación das persoas interesadas en sumarse a esta práctica deportiva.