Oia acolle este venres a presentación do libro “Romanza de los naranjos en flor”

O acto desenvolverase ás 20.00h no Centro Sociocultural de Pedornes con aforo limitado

O Centro Sociocultural de Pedornes acollerá este venres ás 20.00 horas a presentación do libro Romanza de los naranjos en flor, de Juan Galán. O acto terá entrada libre ata completar aforo, limitado a 40 persoas segundo as medidas vixentes contra a COVID-19.

A presentación do libro, que ten Oia como unha das súas localizacións, contará coa participación do propio autor, o historiador Fernando Javier Costas Goberna e a alcaldesa, Cristina Correa.

Romanza de los naranjos en flor é unha combinación de novela histórica e de intriga ambientada en tempos da guerra civil española. Conta a historia de dous personaxes: Alfonso Castro Weiss, falangista coruñés, avogado e fillo de republicano nacido en Ferrol, e Miguel Artimes Llana, violinista ovetense afiliado á CNT. As vidas dos dous transcorrerán paralelamente, sen que exista ningún vínculo entre eles; ata que, nun momento dado, acaban confluíndo no campo de concentración do Mosteiro de Oia: Alfonso como inspector da ICCP (Inspección de Campos de Concentración de Prisioneros) e Miguel como recluso.

Pin It on Pinterest

Share This