Oia avanza no proceso para establecer o seu escudo oficial
O Concello de Oia continúa avanzando no proceso para definir o escudo e bandeira oficial do municipio e, con ese obxectivo, manterá unha nova xuntanza coa Comisión Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-.
O encontro desenvolverase mañá mércores en Oia. A fin de traballar desde a participación e a procura de consensos, o executivo local convidou a esta reunión de traballo con Heráldica a representantes dos grupos da oposición, a diversas persoas de referencia na investigación da historia local, toponimia e patrimonio e aos veciños que formularon algunha proposta concreta relativa ao escudo e bandeira de Oia.
O pleno municipal aprobou inicialmente o pasado mes de xaneiro unha proposta de escudo e bandeira oficial para o municipio xurdidos dos traballos previos desenvolvidos pola Comisión Heráldica. Tras a antedita aprobación, o goberno local abriu un período de reflexión a fin de resolver posibles dúbidas e ofrecer a posibilidade de que os propios veciños e veciñas presentasen no Concello as súas propostas de mellora.