Oia avanza para ter un escudo propio

Heráldica elaborará unha nova proposta partindo de catro elementos: a figueira, a torre, o báculo e as ondas do mar

O Concello de Oia acolleu o mércores unha reunión para avanzar no proceso de definición dun escudo e bandeira oficiais do municipio. A finalidade desta reunión era aclarar dúbidas, tratar as dúas propostas presentadas por veciños, unha nova proposta elaborada polo Concello (cun deseño acuartelado e elementos identificativos do municipio como o petróglifo Auga dos Cebros, os cabalos, o báculo e a torre) e valorar novas alternativas. 

O encontro contou coa participación de representantes do executivo local; da alcaldesa, Cristina Correa; varios membros da Comisión de Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-, persoas de referencia na investigación da historia local e algúns dos veciños que teñen presentado algunha proposta concreta relativa tanto ao escudo como á bandeira.

Durante a xuntanza de traballo fíxose un repaso dos principais fundamentos e conceptos relativos á heráldica e tamén se debateron as distintas iniciativas presentadas.

Entre os principais contidos abordados na reunión, incidiuse na necesidade de que o brasón oficial debe estar en consonancia coas normas relativas á heráldica e de que o seu contido sexa fiel á historia do municipio, advertíndose que non é admisible como opción o emblema do Mosteiro de Oia. Así, establecéronse unha serie de elementos como punto de partida para a elaboración dunha nova proposta de escudo sobre a que seguir traballando.

A nova proposta que presentará Heráldica, para unir ás xa enviadas anteriormente, estará baseada en catro elementos: a figueira con froitos e a torre (os cales xa figuran no selo municipal empregado polo Concello de Oia na segunda metade do século XIX), o báculo abacial  e as ondas do mar. 

A alcaldesa manifestou que “foi unha reunión moi produtiva, seguiremos avanzando para que Oia poida ter o seu propio escudo e bandeira”. 

Pola súa banda, o vicepresidente da Comisión, Eduardo Pardo de Guevara, sinalou que “a quen ten que gustarlle o escudo é aos veciños de Oia, que son os que o van usar”. Do mesmo xeito, incidiu en que foi unha pena que non asistisen os outros grupos políticos municipais e, neste senso, brindouse a volver ao municipio as veces que faga falta co obxectivo de resolver calquera dúbida ao respecto.

Pin It on Pinterest

Share This