Oia conta coas primeiras vivendas públicas de aluguer social
O Concello recuperou as antigas vivendas de Mestres de Loureza, para destinalas a aluguer social
O Concello de Oia acaba de rematar a rehabilitación das dúas antigas vivendas de mestres de Loureza, grazas a unha subvención de 74.500 euros concedida pola Xunta, dentro do programa de vivendas baleiras.
A Alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, José Manuel Rodríguez, mostraron a conselleira Ángeles Vázquez, o resultado das obras de recuperación acometidos nos dous inmobles, totalmente equipados e dispoñibles para ser utilizados. “Quen coñece Galicia sabe que en moitas aldeas as casas, máis que polo nome, recoñecíanse polo oficio ao que se dedicaban os seus habitantes. As vivendas de mestres son unha realidade moi nosa, que fala de tradicións e de cultura. Pero son tamén unha oportunidade. A ocasión perfecta para que moitos concellos, titulares deste tipo de inmobles, abandonados e moi deteriorados ás veces, recuperen este patrimonio para poñelo a disposición dos seus veciños.”, explica a conselleira.
Estas vivendas serán adxudicadas proximamente en réxime de alugamento entre as persoas inscritas no concello, conforme ao procedemento establecido no Programa de Vivendas Baleiras.