Oia continúa coa súa aposta pola arte mural cun novo traballo de Flix en Torroña
Oia continúa coa súa aposta polo embelecemento de espazos públicos a través dos coloridos traballos do artista Flix, quen vén de rematar unha nova creación en Torroña (Burgueira). Trátase dun mural con alusións aos traballos do agro e situado no recinto do antigo xogo de bolos.
Esta nova mostra de arte urbana en Oia é a segunda obra de Flix en Torroña e a sétima que o artista realiza no municipio. A temática inspírase nalgúns dos traballos tradicionalmente desenvolvidos polas mulleres e homes do rural, con alusións a labores agrícolas (medas, hórreos) e gandeiros (ovellas).
Entre 2017 e 2020 a colaboración entre o Concello de Oia, o artista Flix, o colectivo ProxectoEwa e Pinturas Proa tense materializado na realización dun total de 6 pinturas murais en diferentes puntos da localidade: dúas na baixada ao Mosteiro (nas bases da ponte sobre a que pasa a estrada xeral PO-552), outras dúas no colexio Mestre Manuel García, unha no campo de fútbol municipal e outra no lugar de Torroña.
Agora, en 2021, o repertorio amplíase cun novo traballo, tamén en Torroña. Este conxunto de pinturas conforma toda unha ruta para visitar o concello a través da súa colección de mostras de arte mural.