Oia inicia as obras para transformar a antiga biblioteca nun local de novas tecnoloxías

O Concello de Oia vén de comezar as obras de adaptación do espazo da antiga biblioteca municipal a local destinado ás novas tecnoloxías. Ademais de mellorar o acceso e emprego das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), este espazo, situado no baixo da casa consistorial, gañará en superficie e versatilidade.

A actuación permitirá ampliar o espazo da actual biblioteca, construír un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida –do que actualmente carecían as dependencias- e incorporar un pequeno almacén. Ademais, esta aula de novas tecnoloxías deixará de ter unha única entrada, a través da rúa, para contar con accesos interiores que permitirán a comunicación directa con outras zonas do edificio do Concello.

O novo local adaptado ás TIC será máis amplo, accesible e versátil que o actual, permitindo diferentes formas de ser aproveitado. Incluso admitirá distintos usos simultáneos e separados, segundo a disposición ou cambio do mobiliario que se realice en cada momento. Así mesmo, manterase o espazo de préstamo de libros que viña funcionando ata o de agora.

O Concello de Oia financia esta actuación integramente a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 52.047,09 euros que inclúen as obras, a redacción do proxecto e máis a dirección de obra.

Pin It on Pinterest

Share This