Oia presenta a súa guía turística interactiva ao comercio e hostalería local

O Concello de Oia vén de poñer en marcha unha guía turística interactiva para facer máis accesible a información dos seus principais atractivos e mellorar a experiencia das persoas que visitan o municipio.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, os técnicos da empresa Boldest (encargada de elaborar a aplicación) e da consultora Sherpa Project deron hoxe a coñecer esta nova ferramenta ante unha representación de profesionais dos sectores do comercio, hostalería, aloxamento e produtos locais. Segundo explicou a rexedora, esta ferramenta dixital quere servir de pulo a un sector onde “cada ano se vén rexistrando un importante crecemento, tanto no número de turistas que nos visitan como na cantidade de peregrinos que chegan facendo o Camiño da Costa”.

Así mesmo, Cristina Correa fixo especial fincapé en que esta aplicación, que busca dar servizo a visitantes e ao mesmo tempo dinamizar a economía local, está permanentemente aberta a actualizacións de contido e á incorporación de nova información sobre os negocios locais vinculados ao sector.

A guía interactiva está dispoñible en galego, castelán e inglés e estará accesible a través de adhesivos e folletos con QR a disposición do público nos establecementos locais así como a oficina de turismo. Tamén pode visitarse nesta ligazón: https://guia.concellodeoia.es/gl/inicio

Información práctica

A guía interactiva inclúe información práctica sobre temas como o Camiño Portugués da Costa, rutas de sendeirismo, paisaxe e natureza, miradoiros, patrimonio cultural, turismo activo, opcións de aloxamento, restauración e outros servizos de interese.

De uso sinxelo e cómodo a través de dispositivo móbil ou do ordenador, a aplicación ofrece ferramentas de utilidade para turistas e peregrinos, tales como mapas interactivos con información en detalle, descarga dos tracks para seguir as rutas con GPS ou indicacións sobre como chegar a cada recurso.

Así mesmo, inclúe plans sobre que facer en función do tempo que queiran permanecer en Oia. Deste xeito, a aplicación móbil non só quere facilitar o acceso á información ás persoas que visitan o municipio, senón que tamén busca incrementar o seu tempo de estancia mostrando todas as posibilidades que ofrece o lugar.

A guía interactiva foi financiada ao abeiro das “subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU”, liña 2,  Transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral; da Axencia de Turismo de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This