Oia, punto de saída da andaina conmemorativa “De Monumento a Monumento”
en Concello, Cultura, Deportes, Patrimonio, Turismo
Esta fin de semana celebrouse a andaina “De monumento a Monumento”, un percorrido que uniu as localidades de Oia e A Guarda para conmemorar o 90 aniversario da declaración BIC (Ben de Interese Cultural) do Mosteiro de Oia e máis o castro de Santa Trega.
A actividade lúdico-cultural estivo organizada polo Mosteiro de Oia e contou coa colaboración dos concellos de Oia e A Guarda e máis co patrocinio de Frutas Nieves. En total, as persoas participantes percorreron os 12,5 km de distancia que separan a ambos os dous monumentos, seguindo o trazado do Camiño Portugués da Costa.
Máis dun cento de persoas participaron nesta exitosa iniciativa que combinou lecer ao aire libre, actividade física, historia e patrimonio. O programa de actos incluíu unha presentación da efeméride no interior do Mosteiro, unha andaina desde o cenobio oiense ata o Montiño (A Guarda) e unha visita ao Trega.
O desenvolvemento da andaina tamén contou coa colaboración da agrupación de Protección Civil do Rosal, á que as entidades organizadoras e colaboradoras queren trasladar o seu agradecemento polo servizo prestado.
Os dous monumentos
En xuño deste 2021 cúmprense 90 anos da declaración BIC do Mosteiro de Oia e máis do castro de Santa Trega. A Gaceta de Madrid -o actual BOE- publicaba o día 4 de xuño de 1931 un decreto do Goberno provisional da II República que declaraba 789 elementos patrimoniais españois como monumentos histórico-artísticos pertencentes ao Patrimonio Nacional.
Entre os monumentos da provincia de Pontevedra nomeados no antedito decreto, catro estaban situados na comarca do Baixo Miño, entre eles o Mosteiro de Oia e o Trega. A súa proclamación como Monumentos Nacionais era a culminación do esforzo de moitas persoas empeñadas en sacar do esquecemento e poñer en valor todo este patrimonio.
O Mosteiro de Oia foi construído no século XII por unha comunidade de monxes beneditinos adscrita desde moi cedo á orde do Císter. A súa vida monacal tivo sete séculos de existencia. Coa Desamortización de 1836 os monxes foron exclaustrados e o edificio (excepto a igrexa, que actualmente é igrexa parroquial) vendido en pública poxa. Anos máis tarde, en 1870, o seu primeiro propietario vendeu o mosteiro a indiano portorriqueño Joaquín Alonso, natural e veciño da Guarda. Á súa morte o edificio pasou ao seu irmán Bernardo e, a súa vez, este transmitiullo aos seus fillos ata que o último deles, María Alonso Alonso, vendeuno en 1945.
É neste último período cando aparece a figura de Juan Rey Iglesias, párroco de Santa María de Oia no primeiro terzo do século XX e quen se dedicará a investigar a historia do Mosteiro. Publicará diversos artigos entre 1915 e 1917 e posteriormente iniciará unha apaixoada campaña destinada a conseguir a declaración de Monumento Nacional para o cenobio, como así sucedeu en 1931. Ao falecer, Rey foi soterrado no adro da igrexa, xusto fronte ao edificio ao que consagrou grande parte da súa vida.
O Castro de Santa Trega foi descuberto en 1913 durante as obras de apertura da estrada de subida ao monte, actuación que formaba parte dos obxectivos fundacionais dunha asociación de guardeses chamada Sociedad Pro-Monte Santa Trega (1912-1979). A aparición de vestixios dun poboado castrexo de gran tamaño converteron as escavacións arqueolóxicas no proxecto estrela da antedita sociedade; poñendo en marcha, ao mesmo tempo, unha das primeiras campañas turísticas de España.
Así foi como, en menos de dúas décadas, o monte Trega se converteu en todo un referente turístico en Galicia; chegando a ser o segundo lugar máis visitado de Galicia, despois da catedral de Santiago. O mérito principal deste logro correspóndelle a Manuel Lomba Peña, presidente da Promonte.