Oia recoñece á Academia Oiense Miniblues polos seus logros na tempada 2025
O salón de plenos do Concello de Oia acolleu un acto de recoñecemento á canteira do Team Oiense, tras unha tempada 2025 marcada polo esforzo e os bos resultados. A alcaldesa, Cristina Correa, acompañada polo concelleiro de Deportes, Modesto Pereira, recibiu aos mozos e mozas ciclistas da Academia Oiense para felicitalos polos logros acadados.
Durante o acto, a alcaldesa subliñou a importancia do deporte na formación da mocidade, destacando a disciplina e o traballo en equipo que achega o ciclismo. A Academia Oiense reúne deportistas de varios concellos e consolidouse como a canteira do Team Oiense.
A rexedora animou ademais aos nenos e nenas do municipio a iniciarse nesta práctica e lembrou o exemplo de Unai Fernández Rivero, ciclista de Mougás que actualmente compite co equipo Cortizo Junior e que comezou a súa traxectoria na Escola de Ciclismo do Rosal, antes da creación da Academia Oiense.
O Concello recoñeceu tamén a labor de Aser Estévez, responsable da Academia e do Team Oiense, por ofrecer á mocidade a posibilidade de iniciarse no ciclismo desde a Escola e avanzar cara a competicións de ámbito estatal. “A Academia e o Team levan o nome de Oia alí onde compiten, e iso é motivo de satisfacción para o municipio”, sinalou a alcaldesa, quen desexou ao equipo unha tempada 2026 con novos éxitos.

Pola súa parte, Aser Estévez agradeceu o traballo dos ciclistas e o apoio das familias, fundamentais en cada proba. Tamén animou a que máis nenos e nenas se sumen ao ciclismo, un deporte que lle achegou experiencias valiosas tanto no ámbito persoal como no profesional.
O Concello de Oia continuará apoiando o deporte base e as iniciativas que facilitan a práctica deportiva entre a mocidade.
No acto entregouse un detalle elaborado pola Asociación San Xerome Emiliane, que simboliza o mar, o solpor e a montaña. Cada letra incorpora a figura dun ciclista: a O, en azul, descendendo cara ao mar; a I, en laranxa, contemplando o solpor na cima; e a A, en verde, ascendendo pola montaña.
