Oia suma un novo veciño centenario

O Concello felicita a “Pepe, o Zapateiro”, quen celebrou o seu 100 aniversario rodeado dos seus

Oia conta desde esta semana cun novo veciño centenario. Trátase de José Miranda Treinta, coñecido no municipio como “Pepe, o Zapateiro”, quen cumpriu os 100 anos gozando de boa saúde e da compaña da súa familia.

José, afincado en Viladesuso, naceu en Torroña (Burgueira) nunha familia de 6 irmáns, 3 homes e 3 mulleres. Traballou duro durante toda a súa vida, especialmente en labores vinculados ao monte, do que é un grande coñecedor. Este mércores cumpriu o século de vida facendo gala dun ánimo, saúde e memoria envexables. “O malo é que perdín vista e oído, pero o demais ben. Non teño padecemento algún e non tomo ningún medicamento”, asegura.

O centenario homenaxeado celebrou o seu aniversario na compañía dos seus achegados e seres queridos, pois conta cunha ampla familia composta por 4 fillos, 8 netos, 12 bisnetos e media ducia de tataranetos. Nesta data tan especial, a alcaldesa, Cristina Correa, e a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, achegáronse ata o seu domicilio para saudalo, levarlle unha torta e transmitirlle os parabéns en nome de todo o municipio.

Pin It on Pinterest

Share This