Oia ultima o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable

A medida enmárcase dentro dos compromisos do Pacto das Alcaldías polo Clima

O Concello de Oia está a ultimar a redacción do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento onde se inclúen medidas para frear o cambio climático e reducir a pegada de carbono, converténdose deste xeito nun municipio respectuoso e concienciado co medio ambiente.

A Administración local contou cun total de 3.993 euros para a elaboración do plan. Esta cantidade procede das axudas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e dos Fondo Feder da UE, baixo o lema “Unha maneira de facer Europa”. 

O documento, cuxa redacción foi adxudicada a Taller de Estrategias Ciudadanas, aborda cuestións como a diminución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables -co obxectivo de reducir a pegada de carbono do municipio- . Será de aplicación en edificios, instalacións, equipamentos, transporte público e privado e ciclos de tratamento de residuos sólidos e augas residuais. 

Así mesmo, o plan definirá medidas para preparar á localidade fronte aos riscos e vulnerabilidades derivadas do proceso de cambio climático. 

Próxima aprobación no pleno

Desde principios do mes de setembro, o Concello estivo a traballar na recompilación de datos relativos a edificios e instalacións municipais, actuacións desenvolvidas en materia de eficiencia enerxética, recollida e tratamento de residuos, equipamentos e servizos, etc; a fin de que puideran ser incluídos na estratexia.

Unha vez reunida toda esta información e avanzado o proceso de redacción do documento, actualmente estanse a pechar os últimos detalles co obxectivo de que poida ser aprobado pola Corporación Municipal no pleno deste mes.

A aprobación do PACES é un dos compromisos asumidos polo Concello de Oia como membro do Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía, ao que se sumou o pasado ano. Segundo lembra a alcaldesa, Cristina Correa, formar parte desta iniciativa sitúa ao municipio dentro do “maior movemento mundial de autoridades na loita contra o cambio climático”.

Pin It on Pinterest

Share This