Os Bolechas celebran “O aniversario do avó” este sábado en Mougás
Os Bolechas visitarán este sábado Oia co seu espectáculo “O aniversario do avó”, que se representará a partir das 17.00 horas na Casa Cultural de Mougás. Así, combinando aprendizaxe, xogo e diversión, a actividade permitirá gozar a toda a familia e non só á cativada.
“O aniversario do avó” é unha nova aventura protagonizada polos famosos personaxes Loli, Chispa, Tatá, Braulio, Sonia Pili e Carlos, creados por Pepe Carreiro. O espectáculo chega a Oia da man do Programa FalaRedes 2022 de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Ademais, a actuación será a encargada de abrir a programación do magosto organizado pola Asociación de Veciños de Mougás para ese sábado. Despois do espectáculo dos Bolechas, haberá castañas asadas e viño (18.30 horas) así como outras propostas de lecer.