Os curros volven a Oia este domingo co “das moscas” da Valga
A ancestral tradición dos curros volve a Oia esta fin de semana coa celebración do “curro das moscas” que terá lugar este domingo na Valga (Loureza).
A actividade, que ao tratarse do “curro das moscas” consiste fundamentalmente en reunir aos animais para o seu desparasitado, comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central arredor das 17.00 horas.
En total, estímase que haberá uns 350 cabalos. Segundo marca a tradición, a xornada transcurrirá con actividade desde a primeira hora da mañá e ata a tarde. A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas procederase ao desparasitado e, finalmente, os animais volverán quedar libres no monte.
Despois do da Valga desenvolveranse os curros das moscas de Torroña (6 de agosto) e Mougás (13 de agosto).
O Concello lembra que ten colgada na súa canle de youtube un documental sobre os tres curros que se celebran no municipio. Pódese acceder ao vídeo na seguinte ligazón: https://youtu.be/ah4a7iG-NPY
Avisos sobre medio ambiente e acampadas:
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.
Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.