Os obradoiros dixitais do “Enredando Tour” da Cruz Vermella recalan mañá en Oia

Os obradoiros dixitais para persoas maiores da iniciativa “Enredando Tour” que pon en marcha a Cruz Vermella xunto con AMTEGA durante este verán recalarán este mércores 30 de agosto en Oia. A iniciativa estará aberta ao público en horario de mañá no entorno da Praza Centinela, no Arrabal (Santa María de Oia).

O proxecto persegue formar ao colectivo de maiores, centrándose especialmente naquelas persoas con máis de 55 anos que residen en zonas rurais. A través de actividades relacionadas co uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC), búscase fomentar a autonomía persoal, o envellecemento activo e a seguridade e confianza na rede e o entorno dixital.

As persoas interesadas en participar poden informarse e inscribirse no teléfono gratuíto 900 825 030. Así mesmo, sempre que haxa prazas dispoñibles, tamén poderán participar as persoas que se acheguen á zona “Cruz Vermella-AMTEGA” durante o desenvolvemento da actividade.

As persoas usuarias do proxecto Enredando recibirán formación segundo os seus intereses específicos en relación ao manexo das TIC, existindo uns menús formativos e tamén a posibilidade de apoio dixital puntual. Para participar nos obradoiros pódese utilizar tanto un smartphone como unha tableta ou un portátil. O dispositivo poderá ser propio da persoa usuaria ou ben algún dos que o proxecto pón a disposición do público.

 

Pin It on Pinterest

Share This