MOSTEIRO DE OIA e IGREXA MONACAL

O principal elemento do patrimonio arquitectónico do municipio é o Mosteiro de Santa María de Oia, verdadeira pedra angular do desenvolvemento do municipio ao longo da Historia. Fundado no século XII, o seu singular emprazamento fronte ao Atlántico convérteo no único mosteiro cisterciense de Europa situado á beira do océano.

Da arquitectura do cenobio destacan elementos como a súa muralla defensiva, construída polo risco de ataques piratas durante a Idade Media, o Patio de Armas, a torre barroca e os seus claustros: o regular ou das Procesións e o Patio das Laranxeiras.

En canto á igrexa monacal, que funciona como parroquial desde 1838, a súa fachada é de estilo barroco clasicista e nela custódiase unha talla que representa á Virxe do Mar, padroa do municipio.

Do interior da igrexa do Mosteiro de Oia destacan as súas capelas e retablos, o coro alto coas súas bóvedas, a escalinata pétrea na zona do trasepto e o arco triunfal onde se distinguen diversos escudos de ordes relixiosas militares. Dise que este templo é o que mellor representa a austeridade arquitectónica do Císter, que busca a sinxeleza, a proporción e a harmonía.

BARRIO DO ARRABAL

Ao carón do Mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), sitúase o barrio do Arrabal, núcleo de poboación xurdido ao abeiro do mosteiro e onde se poden contemplar diversos exemplos de edificacións con valor histórico e etnográfico. A única lápida coñecida dun abade do mosteiro (s.XIII) apareceu a principios deste século neste lugar, reaproveitada como lintel da entrada dunha pequena construción próxima aos antigos cárceres.

OUTROS EXEMPLOS DE ARQUITECTURA RELIXIOSA

Outros templos destacados do municipio son as igrexas parroquiais de San Mamede de Pedornes, San Miguel de Viladesuso, Santa Uxía de Mougás, San Pedro de Burgueira e San Mamede de Loureza; así como as capelas de San Sebastián (Santa María de Oia), Santa Calumbra (Loureza) e da Madanela (Burgueira).

Pin It on Pinterest