Ponse en valor a difusión arqueolóxica realizada polos participantes do campo de voluntariado de Oia

A directora xeral de Mocidade, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, visitaron hoxe aos participantes no campo de voluntariado de Oia. Os membros do Executivo autonómico puxeron en valor a importante labor de difusión arqueolóxica realizada en varias zonas do Camiño portugués pola costa.

As mozas e mozos que participan nesta actividade, de entre 18 e 30 anos, tamén están a coñecer varias localidades próximas como Viana do Castelo, A Guarda ou Tui. Esta actividade é unha das 13 novidades que se engadiron este ano á oferta de campos de voluntariado da Xunta. En total sumaron un total de 40 campos en diferentes zonas da Comunidade.

Cristina Pichel sinalou que os campos de voluntariado, así como o resto de actividades da campaña de verán, permiten que a mocidade coide e coñeza o valor arqueolóxico e natural de Galicia. O campo de voluntariado rematará o vindeiro mércores 8 de setembro.

A Alcaldesa de Oia trasladou o seu agradecemento á Dirección Xeral de Xuventude por esta iniciativa, ao equipo que organiza a actividade, e a Asociación de Veciños de Viladesuso, por colaborar en facilitar aloxamento a este grupo de mozos e mozas.

Pin It on Pinterest

Share This