Presentación do documental “Os curros de Oia” este domingo en Torroña
O Concello de Oia presenta este domingo 2 de abril o documental “Os curros de Oia”, unha peza audiovisual na que diversos veciños vinculados con esta tradición achegan os seus testemuños e vivencias. A proxección, aberta a toda a veciñanza, desenvolverase ás 17.00 horas nas Escolas de Torroña.
O documental foi elaborado durante a tempada de curros do pasado ano e recolle os testemuños de diferentes xeracións de veciños vinculados con esta antiga tradición da Serra da Groba. Está dividido en tres partes (unha por curro: A Valga, Torroña e Mougás) e ten unha duración total de media hora. Foi dirixido e editado pola presentadora, actriz e directora galega Cristina Maró (Quemasver), que xa ten traballado con anterioridade noutros audiovisuais arredor do patrimonio e a paisaxe do municipio, como é o caso dos contidos da serie Doc Way dedicados a Oia.
O filme sobre os curros de Oia, no que se recollen declaracións e vivencias narradas polos seus propios protagonistas, coa expresión oral do galego da zona e o vocabulario específico do mundo dos curros, tivo un custo total de 6.001,60 euros. Foi elaborado ao abeiro das subvencións para a Promoción do Uso da Lingua Galega da Xunta de Galicia (que concedeu 2.100,56 euros) e das axudas á Dinamización da Lingua Galega da Deputación de Pontevedra (que concedeu 2.923,75 euros).