Presentación sobre o futuro plan de mellora do abastecemento autónomo en Oia dirixida ás traídas veciñais
A xuntanza celebrarase o 6 de outubro en Pedornes e será un acto previo ao inicio dos traballos de campo
O Centro Sociocultural de Pedornes acollerá, o próximo 6 de outubro, unha presentación dirixida a persoas usuarias e representantes de traídas veciñais na que se dará a coñecer o proxecto para a posta en marcha dun Plan Municipal de Mellora do Abastecemento Autónomo, no que actualmente xa se está a traballar.
A xuntanza se desenvolverá entre ás 18.30 e as 19.30 horas e será un acto previo ao inicio dos traballos de campo que se van desenvolver no marco do antedito plan. O encontro consistirá nunha presentación sobre os plans municipais de abastecemento autónomo, así como unha posta en común coa veciñanza.
Dende o Concello convocouse ás directivas para asistir a dita reunión, non obstante, calquera persoa usuaria interesada poderá asistir, chamando previamente ao teléfono 986362125 ou 639329493.
Plan Municipal de Abastecemento Autónomo
Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa que a Xunta está a desenvolver en materia de abastecemento autónomo en municipios de menos de 5.000 habitantes, e para o que Oia foi seleccionada xunto con outros 5 concellos galegos.
O obxectivo destes plans é dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable fóra das súas redes municipais e para que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as accións de mellora neste ámbito. Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezaron o pasado mes de xullo e a elaboración dos plans ten uns 18 meses de duración, polo que se estima o seu remate en decembro de 2022.