PROGRAMA COMPLETO – As “historias non escritas” de Oia, este domingo no Arrabal

Artesanía local, un espectáculo infantil, cantos de taberna e unha exposición completan o programa de actos da fin de semana

O barrio histórico situado nas inmediacións do Mosteiro de Oia acollerá o vindeiro domingo 2 de xuño a visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas”, protagonizada polas persoas participantes no obradoiro de teatro veciñal e patrimonio organizado polo Concello e impartido pola Artística Teatro e Danza.

A función comezará ás 19.00 horas e incluirá unha serie de espectáculos das artes escénicas que se desenvolverán en localizacións emblemáticas do barrio como o Mosteiro de Oia, a Fonte de San Cosme e San Damián, a Praza da Centinela ou a Picota, entre outras.

Cada peza dramática estará interpretada pola propia veciñanza e tamén contará coa colaboración de diversos artistas: os bailaríns Andrea Soutelo, Daniel Rodríguez e Olga Cameselle; e os músicos Rubén Pastoriza e José Antonio Pérez (o “Vilas”).

A visita dramatizada ao Arrabal quere afondar no patrimonio material e inmaterial de Oia. A través dunha proposta innovadora e multidisciplinar, esta actividade tamén quere destacar a relevancia cultural do Camiño de Santiago, tendo en conta que este barrio forma parte do Camiño Portugués da Costa.

Programación

A programación do domingo completarase con postos de artesanía local que estarán instalados na zona durante toda a xornada do domingo, cun espectáculo infantil ás 17.00 horas e con cantos de taberna que comezarán xusto despois da representación teatral (arredor das 20.30 horas).

Para o desenvolvemento destas iniciativas o Concello de Oia ten solicitado financiamento á Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia, dentro do programa do Xacobeo 2021.

Por outra banda, a Oficina de Turismo acollerá desde o sábado, e durante todo o mes de xuño, unha exposición de obxectos tradicionais relacionados coas distintas pezas teatrais que se representarán na visita dramatizada. Neste caso, se trata dunha actividade organizada pola Asociación Costa dos Castros e na que tamén se implicaron as persoas inscritas no obradoiro de teatro veciñal, as cales cederon obxectos da súa propiedade para a exhibición.

Agradecementos

O obradoiro de teatro veciñal quere transmitir o seu agradecemento a diversos colaboradores que contribuíron ao desenvolvemento da iniciativa, nomeadamente a Fernando Javier Costas Goberna -pola cesión de documentación e información que axudou a dar forma ás historias- á propiedade do Mosteiro -pola cesión de espazos para a representación- e a Paula Cobián Escola de Danza.

De igual forma, queremos agradecer ás comunidades educativas dos CEIP Mestre Manuel García e Refoxos pola súa colaboración e dispoñibilidade para a elaboración de elementos decorativos.

A continuación, o detalle da programación de actos:

PROGRAMACIÓN COMPLETA

“6×6 Punto de encontro O Arrabal, historias non escritas”

SÁBADO, 1 DE XUÑO

  • 13.00h Apertura da exposición de obxectos tradicionais “O Arrabal, historias non escritas”, na Oficina de Turismo de Oia (Praza Centinela).

A mostra permanecerá exposta durante todo o mes no horario de apertura da Oficina de Turismo.

DOMINGO, 2 DE XUÑO

  • Mañá
    • A partir das 10.30h. Exposición de obxectos tradicionais na Oficina de Turismo.
    • Nas inmediacións da oficina haberá postos de venda de produtos de artesanía local durante toda a xornada.

Postos de artesanía:

    • Cabuxa (coiro)
    • Luis Álvarez (escultura en pedra)
    • Areladefe (xoeiría)
    • Carliños Cesteiro
    • Ana Méndez (cerámica)
    • Las Flores de Greta (téxtil en seda)
    • Oiadelos (complementos)
  • Tarde
    • 17.00 horas: Espectáculo infantil “Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos”. A cargo do grupo de teatro Avento.  Na Praza da Centinela.
    • 19.00 horas: Visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal, historias non escritas” polas rúas e prazas do barrio histórico, a cargo do obradoiro de teatro veciñal.

Pecharemos a xornada festiva con cantos de taberna cos grupos locais A Fiada de Viladesuso e Tra-lo Mosteiro.

Durante todo o día o barrio do Arrabal estará ambientado coas decoracións feitas polo alumnado dos colexios CEIP Mestre Manuel García e CEIP de Refoxos.

Pin It on Pinterest

Share This