Oia é a paisaxe máxica da historia, un lugar cheo de recunchos por decubrir. Para comezar, suxerimos "10 plans para una experiencia inesquecible en Oia"

O Mosteiro e o barrio do Arrabal, nado ao seu abeiro, son o corazón do municipio de Oia. Un mosteiro cisterciense situado á beira do océano (o único de Europa con este singular emprazamento), os restos da Camboa e o cruceiro da Praza Centinela son algúns dos atractivos que podes visitar nesta zona.

Recomendámosche un paseo no que perderte polas estreitas rúas deste barrio histórico e descubrir recunchos con encanto como “A Plazuela” e “A Picota”, observar algunhas edificacións dos séculos XVI e XVII e seguir polo Camiño de Santiago da Costa ata chegar á ermida de San Sebastián.

En Oia tes a oportunidade de viaxar 4.000 anos atrás no tempo e descubrir interesantes gravados da Idade do Bronce. Nun percorrido pola Ruta Máxica ou pola Ruta do Mosteiro podes observar os petróglifos que hai na Cabeciña, A Pousadela, Outeiros do Morouzo, a zona do río Vilar (petróglifo de Auga dos Cebros) e A Pedreira; todos eles orientados cara o Atlántico. Pero tamén nas terras de interior existen mostras de arte rupestre: entre elas destaca o gravado de Pedra Escrita, con forma de labirinto.

Este concello é a Costa dos Castros e, nese sentido, tan só na franxa costeira do municipio (uns 18 km) coñécense unha ducia destes asentamentos, típicos da Idade do Ferro.

A Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella destacan especialmente na paisaxe e presentan murallas pétreas de gran monumentalidade.

A costa de Oia caracterízase carácter polo seu abrupto e as súas praias de seixos. Aínda que existen algunhas pequenas zonas de area (como, por exemplo, diante do Mosteiro cando a marea está baixa), unha boa opción para darse un baño refrescante é ir a algunhas das zonas de pozas que se forman nos diversos ríos que pasan polo municipio. As máis coñecidas son as que forma o río Peito en Mougás, cunha fermosa fervenza na poza grande, e as do Tamuxe en Loureza.

Ademais de coñecer as pozas de Mougás e Loureza, tamén podes achegarte ata a área recreativa de Pozo do Arco (Burgueira) e atravesar o río cruzando unha singular pasarela de madeira.

As pozas non son só un lugar do que gozar no verán. De feito, o outono e a primavera son as épocas onde as fervenzas e remansos mostran ao máximo a súa beleza. O maior caudal de auga dos ríos neses momentos do ano consigue crear un auténtico espectáculo visual.

Oia ten unha vastísima extensión de terreos de bosque, con algúns enclaves de especies autóctonas. En Viladesuso, no canón que forma o río Broi, danse unhas condicións especiais nas que permiten que creza o bosque mediterráneo máis occidental de Europa: As Sobreiras do Faro. Trátase do primeiro Espazo Privado de Interese Natural de Galicia e forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras.

A aproximadamente quilómetro e medio atópase o castro de Cano dos Mouros e a formación rochosa coñecida como A Cadeira do Rei Sol. Desde esta elevación pódense observar os fermosos barrios de Serraseca e O Sobral, ademais dunhas impresionantes vistas ao Atlántico.

A paisaxe de Oia está dominada polos fortes contrastes entre a costa e a montaña. Nas terras de interior, dominadas polas serras da Groba e do Argallo, podes atopar núcleos rurais tradicionais como A Portela, os restos dos castelos de Torroña e o do Alto da Pedrada e enclaves de valor arqueolóxico como o petróglifo de Pedra Escrita.

Nas zonas de interior tamén atoparás contornas fluviais para relaxarte en plena natureza, como o da área recreativa do Pozo do Arco, en Burgueira, e as pozas de Loureza. De visita obrigada son os curros, que podes atopar na Valga e en Torroña.

Na Valga podes aproveitar para observar as turbeiras, de gran valor medioambiental, e dar un paseo ata Chavella, un enclave da Idade do Ferro que ademais é un excelente miradoiro ao Atlántico e á contorna do Mosteiro. Moi preto deste lugar atoparás a que foi a primeira casa forestal de Galicia (Santa María de Oia).

Cabo Silleiro é un lugar tan máxico como fermoso. Impresionante miradoiro ao Atlántico, ofrécenos unhas impresionantes vistas da cara exterior das illas Cíes, un lugar onde se atopan os seus escarpados cantís e que é un importante refuxio de fauna e flora.

En Cabo Silleiro destaca unha silueta alongada que supera os 19 metros de altura: un faro que leva alumeando aos navegantes desde 1924. Nas inmediacións existiu un edificio anterior ao actual, posto que a preocupación ante posibles naufraxios neste perigoso tramo de costa é algo que vén de moi atrás. De feito, son abundantes no litoral oiense topónimos como “faro” ou “facho”, que fan referencia ás luces que se acendían para iluminar a costa.

Cada primavera, os gandeiros propietarios dos cabalos que se crían salvaxes na serra da Groba, recollen o gando para cortarlle as crinas, marcalo, sanealo e volvelo ceibar ao monte. Estes labores son os curros ou rapas das bestas, un costume ancestral que se mantén vivo na Valga, Torroña e Mougás.

Este acontecemento reúne ás familias dos gandeiros nunha xornada festiva de asistencia aberta a todo o mundo que queira coñecer como se desenvolven os curros en Oia.

Calza as túas botas e percorre algún tramo do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Oia, un percorrido de dificultade baixa e con moi escasas pendentes, ou descubre a Ruta do Mosteiro, ruta circular de 7,8 km que podes iniciar desde o entorno do Mosteiro de Oia. Camiñando sen perder de vista o Atlántico sentirás a brisa mariña e o cheiro a salitre mentres fas un agradable percorrido que te levará polas parroquias de Santa María de Oia,  Pedornes, Viladesuso e Mougás.

Cruceiros, petos de ánimas, hórreos e fontes sairán ao teu encontro nun camiño que podes facer a pé, en bicicleta ou a cabalo. Tamén gozarás das vistas dos cantís mariños e as praias de seixos, descubrirás o Mosteiro de Santa María de Oia e experimentarás a hospitalidade das xentes do lugar.

Unha delgada liña do horizonte separa o ceo do mar en Oia. Cada tardiña, o solpor desprega unha luminosa gama de cores alaranxados e rosáceos que fan que cada atardecer sexa único.

A hora do luscofusco nesta zona é, sen dúbida, unha das máis máxicas de Galicia, así que un lugar de lenda como o castro de Cano dos Mouros pode ser un bo punto desde o que despedir o día. Disque na rocha coñecida como a Cadeira do Rei Sol sentaba cada tardiña un monarca da antigüidade para contemplar o solpor…

Outros “balcóns” ao Atlántico son os miradoiros da Cabeciña e da Pedreira e, en altitudes algo máis elevadas, As Penizas e Chavella (dous lugares ben coñecidos polos afeccionados ao parapente).

Oia é un bo lugar para gozar dalgunhas das exquisiteces da gastronomía galega, tanto no que respecta a peixes e mariscos como a carnes.

Existe unha grande variedade de restaurantes e outros establecementos hostaleiros onde poderás degustar ricas preparacións locais, tanto da cociña tradicional como a máis innovadora. Unha ampla variedade para todos os gustos e presupostos: desde bocadillos e tapas ata churrasco, mariscadas, menús especiais e á carta.

Pin It on Pinterest