Recoñecemento do Concello de Oia a Manuel Blanco
Miguel Blanco Álvarez, de 83 anos, da parroquia de Sta. Mª de Oia, recibiu do Concello e da Federación Galega de Caza de Pontevedra, un recoñecemento pola súa brillante traxectoria deportiva -de máis de cincuenta anos-, no tiro ao prato. Tivo lugar na XXXI Edición do Campionato provincial de Percorridos de Caza que se celebrou o pasado 23 de abril en Burgueira.
É de salientar que Miguel tamén foi Alcalde de Oia dende 1966 ata 1970.
Ata a súa casa nos desprazamos para saber un pouco máis da súa historia.
- Miguel, ¿como comezou esta afición?
- Eu xogaba ao fútbol e no descanso, cando era tempada de caza, viñan os cazadores e aquilo xa me empezou a gustar, aínda que meu pai non quería que mercara unha escopeta (di entre risas).
- ¿Con cantos anos comezou?
- Tería uns vinte cinco anos. Daquela empecei a cazar, había moita caza, e tiña unha afición enorme. Cando empezaba a tempada, catro días antes xa non durmía. O primeiro día de caza andaba medio somnámbulo no monte, de non durmir.
- E na familia, ¿había máis afeccionados?
- O meu avó por parte de nai era moi afeccionado, cazou ata os oitenta anos. Tanto é que, daquela matabas un porco no ano, e el viña dende A Guarda a pé, e no camiño xa cazaba uns cantos coellos. Acórdome que de pequeno, cada ano tocábanos a un a vexiga do porco, e xogábamos ao fútbol con aquela vexiga, non había pelotas... Aquilo era unha ilusión enorme, que tempos aqueles...
- O pasado mes de abril se celebrou os Percorridos de Caza en Burgueira, ¿en que se asemella á caza?
- Lanzan pratos imitando os coellos, outros imitan unha perdiz, é o que máis me gusta.
- ¿E como comezou competindo neste tipo de probas?
- Empecei no foso, que era outra modalidade, pero non me gustaba tanto como os percorridos. No ano 1963 gañei un trofeo de prata en Baiona, no campo do Cortelliño. Empatei cun de Vigo con 24 pratos, fomos ao desempate ata que fallou el. Eu daquela era moi difícil que fallara. Son moi nervioso, pero sen embargo, ía a un desempate moi tranquilo porque tiña unha seguridade
comigo enorme.
- Vexo que por aquí ten moitos trofeos expostos, ¿cantos conseguiu na súa traxectoria deportiva?
- Eu que sei, hai trofeos por todos lados, ... igual hai uns catrocentos, regalei moitos a amigos do Brasil, Bos Aires...
- Hai pouco o Concello e a Federación lle fixeron un merecido recoñecemento, ¿que supuxo para vostede?
- Foi unha atención moi grande para min, non contaba con iso.
- Agora me consta que non hai campo para adestrar, ¿como faciades antes?
- Había un campo de tiro que lle chamaban Tío Rincho, dun Sr. De Vigo que foi presidente da Federación de caza. Tiña un campo privado e tirábamos ao prato alí todo o ano. Daquela gastaba 7000-8000 cartuchos ao ano. Eu sempre gastaba o cartucho máis barato, e sen embargo rompía os pratos igual. Un día fixen 3 series de 25 e rompín os 75. Despois denunciárono e tivo que pechar. Tamén antes había unha sociedade de caza, A Protectora, éramos alá para trescentos e pico cazadores de todo o Concello. Tamén había uns vinte socios de Vigo, que pagaban bastante e non rompían nada (risas).
- Tamén me consta que recorreu España grazas a esta afición súa.
- Fun varias veces ao Campeonato de España, a Soria, Huelva, León, Segovia, Valencia... En Segovia fixen terceiro de España xa de veteranos.
- ¿Existe algunha fórmula máxica para ser bo nisto?
- Eu creo que hai que ter cualidades porque coñezo moitos compañeiros que tiraron toda a vida e sempre foron malos (risas). Recordo unha tirada en Loureza de 25 pratos, e foramos antes a outras tiradas, porque daquela igual había dúas ou tres no domingo, e ía comigo Celedonio, o Granja, o Lolo... e xa fomos moi tarde, xa case non se miraba, e os meus compañeiros xa non
tiraron, e había un de Vigo, un tal Pazó, moi boa persoa, que tiña 24 de 25, e eu tirei e fixen 25 de 25. Aínda hoxe mo recorda, “carai como me fastidiaches daquela!”.
- E logo Miguel, tamén foi Alcalde. ¿Recorda algunha anécdota?.
- Cando lle fixemos unha homenaxe ao ex alcalde Luis Domínguez no Cámping de Mougás, eu era novato, non levaba nada preparado, estaban invitados todos os alcaldes da comarca, cando me dicen ...agora vai a cerrar o acto o Alcalde de Oia, dixen para min “trágame tierra”, os apuros máis grandes da miña vida, -di entre risas- deille as gracias pola atención e despois preguntei ¿que tal falei? -Bueno, falaches pouco pero non metiches a pata -máis risas-.