Representantes e usuarios das traídas veciñais de Oia viaxarán a Abegondo para coñecer as melloras no abastecemento autónomo

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 2 de setembro no Concello de Oia (teléfono 986.36.21.25)

O Concello de Oia abre a inscrición para participar nunha viaxe a Abegondo dirixida a usuarios e representantes das traídas veciñais que hai no municipio, co obxectivo de coñecer polo miúdo as melloras en materia de abastecemento realizadas no antedito concello coruñés. A saída realizarase en autobús o próximo 7 de setembro, en horario de mañá (horario estimado: saída ás 8.15h, chegada ás 15h).

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa que a Xunta está a desenvolver en materia de abastecemento autónomo en municipios de menos de 5.000 habitantes, e para o que Oia foi seleccionada xunto con outros 5 concellos galegos. 

As persoas participantes na excursión terán oportunidade de coñecer de primeira man as melloras que se teñen feito nas traídas veciñais de Abegondo a través do programa europeo LIFE, demostrando que, no rural, as solucións tradicionais de traídas veciñais (abastecemento autónomo) son unha alternativa viable fronte a sistemas centralizados.

A actividade incluirá unha presentación do proxecto LIFE Rural Supplies, iniciativa piloto realizada no concello de Abegondo que é precursor do actual Plan Municipal de Abastecemento Autónomo. Despois desta presentación, as persoas asistentes participarán en visitas guiadas a varios exemplos modelo de traídas de augas situadas neste municipio coruñés. 

Para participar na viaxe é preciso inscribirse, pois as prazas son limitadas por cuestións de aforo. As persoas interesadas poden apuntarse no Concello de Oia (chamando ao teléfono 986.36.21.25) ata o día 2 de setembro.

Pin It on Pinterest

Share This