Subvencións bono enerxía peme dirixido a autónomos e pemes de comercio, hostalería ou artístico-recreativas

O INEGA convoca o bono enerxía peme, unhas subvencións dirixidas a autónomos e pemes dos sectores de comercio, hostalaría e actividades artístico-recrativas.

A contía da subvención será do 80% do custe elixible da actuación.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

O importe total das axudas de mínimis concedidas a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarios das subvencións as pequenas e medianas empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

–    Sección G: Comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

–    Sección I: Hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

–    Sección R: Actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

–    Sección S: Outros servizos, só as divisións 95 e 96.

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES

Son proxectos subvencionables as inversións en equipos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

  1. Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. So serán subvencionables toldos de cor branco e/ou negro e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
  2. Bono iluminación: renovación de equipos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
  3. Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade  (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
  4. Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poda acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipo existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
  5. Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida contempla exclusivamente as instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fora do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
  6. Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 1.000 euros, sen incluír o IVE.

Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados.

PRAZOS DE SOLICITUDE

Desde o 6 de abril e ata o 14 de xullo.

MÁIS INFORMACIÓN

Toda a información no no DOG do 5/04/2022 e na seguinte ligazón do INEGA.

Pin It on Pinterest

Share This