Subvencións do programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas

Axudas do Instituto Galego de vivenda e solo para mellorar a accesibilidade ás vivendas.

– Para poder optar a estas axudas, os REQUISITOS das vivendas son:

  • Estar finalizadas antes de 2006 (Non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %)
  • Domicilio habitual e permanente dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios no momento de solicitar as axudas.

No caso de edificios de vivendas de tipoloxía residencial e vivendas colectivas, deben cumprirse outros requisitos adicionais.

– Actuacións subvencionables

  1. a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida.
  2. b) A instalación ou dotación de produtos de apoio tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio no seu caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
  3. c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoras que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
  4. d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno.
  5. e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.
  6. f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento. Así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.
  7. g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
  8. h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do Código Técnico da Edificación no referido a vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas, así como as modificacións e adaptacións necesarias e adecuadas ás necesidades específicas das persoas con discapacidade que habitan as vivendas. Inclúense así mesmo as obras necesarias e complementarias sobre elementos directamente relacionados coa actuación de mellora de accesibilidade universal e cuxo mal estado de conservación aconselle a intervención.
  9. i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no Documento Básico do Código Técnico da Edificación DB- SUA, Seguridade de utilización e accesibilidade.

As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes da publicación da resolución no DOG.

Contía das axudas

A contía máxima das axudas non poderá superar o 60 % do custe, cos límites marcados. A porcentaxe poderá acadar o 80 % se na vivenda ou no edificio resida unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos

a) 12.500 euros por vivenda cando se solicite para actuacións correspondentes a vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside no edificio unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) 6.000 euros por vivenda cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

Toda a información no DOG de hoxe e na sede electrónica da Xunta (Procedemento VI435B)

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230602/AnuncioC3Q2-160523-0002_gl.html

Pin It on Pinterest

Share This