Subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento
Convocatoria das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Características da axuda
Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciase a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022.
Apóiase ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xullo de 2024 e a data da presentación da solicitude.
En concreto:
1) Equipamento informático.
2) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.
3) Investimentos en eficiencia enerxética.
4) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
5) Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.
6) Gastos notariais e/ou rexistrais.
7) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade.
8) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man sempre que cumpran os requisitos establecidos.
A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:
a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.
b) Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.
c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.
No suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender teña a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente, a porcentaxe de intensidade en función do rango de investimento total realizado establecida neste artigo incrementarase nun 10 %.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego que cumpran os dous requisitos seguintes:
– que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e
– que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023.
Prazo de solicitude: entre o 21 de maio e o 30 de xuño
Máis información no DOG de 13/05/2025 e na sede electrónica da xunta, procedemento TR880A
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TR880A&ano=2025&numpub=1&lang=gl