Subvencións para o aforro enerxético nas empresas dos sectores industria e servizos
O DOG do 5 de abril anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2022-2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).
A contía da subvención será do 35% do custe elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20% no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10% no caso de medianas empresas. A axuda máxima por proxecto ascende a 500.000 €.
BENEFICIARIOS
- a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector servizos e industria.
A efectos desta resolución considerárase sector servizos as actividades incluídas nas seccións G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industrial serán subvencionables as empresas cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 10.2 e 12.
- b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo nos que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de aplicación indicado no apartado anterior.
CONCEPTOS SUBVENCIONABLES
Proxectos de aforro e eficiencia no sector industrial ou servizos que xustifiquen un aforro enerxético do 20 % do consumo enerxético inicial (40 % para actuacións de iluminación e 5 % no caso de actuacións en proceso produtivo do sector industrial). Deben alcanzar unha rateo de aforro enerxético anual de 0,4 kWh/€ de investimento elixible, que se reduce a 0,3 para medianas empresa e 0,2 para pequenas.
O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000 euros.
Cada solicitude conterá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou varias actuacións homoxéneas a executar no mesmo emprazamento. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes.
PRAZOS
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 19 de abril ás 9:00 h e remata o 3 de outubro de 2022.
MÁIS INFORMACIÓN
Nesta ligazón ao INEGA podes consultar un resumo da subvención, así como acceder ao DOG da convocatoria.