Tarde de cultura en Pedornes no Día das Letras Galegas

O centro sociocultural acolle unha actividade infantil sobre Florencio Delgado Gurriarán e unha obra de teatro do grupo local

O centro sociocultural de Pedornes acollerá o próximo día 17 de maio, Día das Letras Galegas, diversas actividades culturais de libre entrada. A primeira delas consistirá no espectáculo infantil “De Valdeorras a México. Terra A Nosa”, unha actividade de “Polo Correo do Vento” financiada pola Deputación de Pontevedra (Departamento de Lingua). Por outra parte, a continuación terá lugar unha actuación teatral organizada pola agrupación local “As 10 Patas do Banco”.

A partir das 18.00 horas desenvolverase a proposta do colectivo “Polo Correo do Vento” a cal, baixo o título “De Valdeorras a México. Terra A Nosa”, servirá para achegar ao público infantil a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Esta actividade alternará a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Ademais, contará con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible. Tras esta primeira parte, a proposta concluirá cun pequeno coloquio, adaptado ás idades dos rapaces e rapazas, e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán.

Posteriormente, ás 19.30 horas o centro sociocultural acollerá unha función da agrupación de teatro de Pedornes “As 10 Patas do Banco”. O grupo presentará a obra “A tía lambida”, adaptación da obra homónima de Carlos Casares.

Pin It on Pinterest

Share This