Teatro, danza, poesía e música volven ás rúas de Oia na nova edición do 6×6
A arte dramática, a danza, a poesía e a música volverán estar presentes este ano nas rúas do barrio histórico do Arrabal, que acollerá unha nova edición da iniciativa 6×6 Punto de Encontro o sábado 25 de xuño. Postos de artesanía, un espectáculo familiar, a representación do obradoiro de teatro veciñal e música de rúa forman parte da programación festiva que se desenvolverá durante toda a xornada.
Despois da edición especial do 6×6 do ano pasado, cun formato adaptado ás restricións impostas pola COVID-19, o espectáculo volve este 2022 ás rúas e prazas do barrio histórico do Arrabal baixo a dirección de Alfredo Rodríguez (A Artística). O tema deste ano é “Oia, entre o monte e o mar, ten nome de muller”, un convite á reflexión sobre o papel da muller no rural galego.
O sábado 25 de xuño a actividade do 6×6 no Arrabal comezará xa de mañá e estenderase ao longo de todo o día. Así, a partir das 12.00 horas haberá postos de artesanía de produtores locais (Medialúa –coiro-, Ana Méndez –cerámica-, Carliños Cesteiro, Areladefe –xoias-, Víctor Lorenzo -escultura en madeira- e Luís Álvarez -escultura en pedra-).
En canto á tarde, ás 17.30 horas na Praza Centinela desenvolverase o espectáculo para todos os públicos “Circanelo”, a cargo de N+1. A continuación, a partir das 19.00 horas terá lugar a representación do obradoiro de teatro por diferentes localizacións do Arrabal e Mosteiro de Oia. Como fin de festa, os grupos locais Tra-lo Mosteiro de Oia e A Fiada de Viladesuso amenizarán o ambiente das rúas coa súa música a partir das 21.00h.
O tráfico estará cortado nas rúas de acceso á Centinela mentres dure o espectáculo “Circanelo”. Posteriormente, volverá a haber cortes durante a representación do obradoiro de teatro.
Esta xornada festiva está organizada polo Concello de Oia e conta coa colaboración de Pontegal (Deputación de Pontevedra) e máis do Mosteiro de Oia, que cede espazos para a representación.
Artistas convidadas
Despois das edicións de 2018, 2019 e 2021, o obradoiro veciñal de teatro de Oia volve un ano máis cun espectáculo arredor das artes performativas (teatro, danza e movemento, música, etc.) que consistirá na representación de varias pezas en espazos emblemáticos como o porto, a Centinela, a Picota ou o Mosteiro de Oia, entre outros. Xunto co alumnado do taller, participarán como artistas convidadas Elsa Pereira (danza), Olga Cameselle (danza) , Silvia Penas (poesía) e Gloria Rodríguez (música).
As diferentes intervencións foron elaboradas durante o obradoiro de teatro veciñal dirixido por A Artística, no que participan arredor dunha quincena de veciñas e veciños, e contaron tamén coa colaboración das artistas convidadas.