Últimos días para inscribirse no obradoiro de teatro veciñal de Oia

O obradoiro de teatro veciñal de Oia mantén aberto ata final de mes o prazo de inscrición para a súa edición deste ano, a cal incorpora algunhas novidades para adaptarse ás circunstancias derivadas da COVID-19. Grupos reducidos e representacións en espazos onde se poidan delimitar os correspondentes aforos son algunhas das adaptacións realizadas este ano. 

Co obxectivo de garantir as máximas medidas de seguridade no contexto actual de pandemia, o obradoiro incorporará unha serie de cambios respecto a edicións anteriores. Así, celebraranse distintas sesións con grupos reducidos (en función das restricións en vigor en cada momento) no Centro Sociocultural de Pedornes. A formación e ensaios de cada grupo terá lugar un día á semana: os venres 4, 11, 18 e 24 de setembro ou ben os sábados 5, 12, 19 e 25.

As persoas interesadas en participar no obradoiro de teatro deberán presentar unha solicitude no Rexistro do Concello de Oia. As prazas son limitadas e o prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 31 de agosto.

O obradoiro de teatro veciñal enmárcase no proxecto “6×6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores”, organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia. Na edición deste 2021, que se desenvolverá baixo a coordinación de A Artística, as temáticas do obradoiro xirarán arredor da posta en valor do patrimonio local, o Camiño de Santiago e a visibilización das mulleres ao longo da historia.

A representación das pezas resultantes no obradoiro, en formato de visita dramatizada, terá lugar no interior do Mosteiro de Oia e o aforo será limitado. A xornada de representacións será o 25 de setembro, no marco das festas locais de San Cosme e San Damián.

Pin It on Pinterest

Share This