Un total de 23 veciñas de Oia participaron no obradoiro de autoestima e empoderamento feminino
A iniciativa, organizada polo Concello e financiada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi gratuíta para as mulleres participantes
Un total de 23 veciñas de Oia participaron no obradoiro de empoderamento feminino desenvolto desde o pasado mes de outubro en Torroña e Loureza. Trátase dunha iniciativa levada a cabo polo Concello de Oia cos obxectivos de favorecer o autocoñecemento e autoanálise das mulleres, así como a mellora da súa autoestima e motivación.
Despois de dous meses e medio de sesións celebradas cada martes, o obradoiro de empoderamento feminino vén de celebrar os seus actos de clausura, un co grupo que se reunía nas Escolas de Torroña e o outro co grupo da Abadía de Loureza.
O programa incluíu contidos como a análise e reflexión arredor da imaxe que cada muller ten de si mesma, tanto no físico como no emocional; a definición de metas persoais e a identificación de barreiras que limitan ou condicionan esas metas.
Así mesmo, abordou cuestión como a independencia na toma de decisións, a comunicación asertiva e a empatía, o autocoidado físico para o benestar emocional, a procura de espazo e tempo para unha mesma e os beneficios do empoderamento feminino.
Esta iniciativa, organizada polo Concello e financiada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi gratuíta para as mulleres participantes.