Unha nova cita de Eureka Reto Rural para desvelar os misterios do Mosteiro de Oia

‘Eureka Reto Rural’ chega ao seu ecuador cunha interesantísima cita na que a historia e o patrimonio serán os grandes protagonistas. O Mosteiro de Oia vertebrará os desafíos dunha nova sesión deste proxecto posto en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño co obxectivo de ofrecer un produto turístico diferente e orixinal para achegar ao público ao territorio a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital, de balde e para todos os públicos.

O domingo 30 de xuño o Concello de Oia acollerá un encontro a través do que se desvelarán os misterios do Mosteiro de Oia, unha xoia histórica que esconde grandes segredos tras as súas pedras. Nesta actividade, os participantes teñen a oportunidade de mergullarse nunha aventura chea de enigmas e desafíos que permitirán viaxar no tempo.

O escape room partirá ás 10.30 h do patio exterior do CEIP Manuel Mestre García para desfrutar dunha ruta circular de dificultade fácil. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Cristina Correa, representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, destacou a aposta “por traballar nun proxecto común, un camiño que comezamos hai xa anos con moita ilusión e que vemos como cada día se vai máis real. Ante unha realidade cambiante na que debemos sobrepoñernos a moitas dificultades e cambios, precisamente esa unión é a que nos fai aos 14 concellos do territorio máis fortes”.

Como alcaldesa de Oia, Correa quixo poñer de relevo que este escape room “é un incentivo máis para os miles de visitantes que cada verán visitan Oia e os concellos próximos en busca dun turismo de calidade. Participar neste tipo de iniciativas vai máis alá de ofrecer cultura e lecer, é apostar polo retorno económico significativo que supón para todos os municipios do Xeodestino”.

Pola súa banda, a presidenta de EuRural, Sandra González, resaltou “o orgullo que sentimos ante o éxito abrumador que están a ter os escape rooms en todos os concellos. Chegamos ao ecuador con sete retos xa realizados e con moitas gañas de seguir desfrutando durante o verán desta aventura que rematará en setembro e que xa sabemos que nos deixara un bo sabor de boca”.

O equipo gañador do escape room de Oia poderá desfrutar da experiencia Palacios, unha visita con guía oficial á Ruta Palacios no Porriño cunha cea con degustación no Xantar de Pepa. Ademais, o Concello de Oia sorteará un lote de produtos de apicultura entre todos os grupos participantes.

Pin It on Pinterest

Share This