Visita comentada ao vídeo “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual” o día 21 na oficina de turismo de Oia
O próximo domingo 21 de xullo ás 13.00 horas desenvolverase na oficina de turismo unha visita comentada aos dous traballos artísticos actualmente expostos: o audiovisual “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual” e a mostra fotográfica “Rizomas”.
A visita correrá a cargo dos propios autores das obras, Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez, e ten o obxectivo de xerar un intercambio de impresións entre a veciñanza e os autores. Por un lado, Nacho e Belén explicarán ás persoas asistentes cal foi o seu proceso creativo e, polo outro, convidarán ao público a facer os seus comentarios e dar as súas opinións. A actividade é gratuíta e non require inscrición previa.
Proxección audiovisual e mostra fotográfica
No vídeo “Os curros da Groba, entre liberdade e ritual”, Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez -profesionais do audiovisual afincados en Oia- presentan unha montaxe de imaxes e sons que foi creada a partir de fotografías das paisaxes da Serra da Groba e dos curros que se celebran neste territorio.
O traballo, de 10 minutos de duración, ofrece unha mirada emotiva que se centra nos cabalos autóctonos e no seu medio natural. Cun deseño sonoro e gravacións directas dos mesmos lugares onde transcorre a acción, esta proposta quere subliñar a conexión entre o ser humano, o seu entorno e as tradicións.
A obra narra o proceso ancestral da festa dos curros, recollendo a esencia deste ritual. A través de imaxes e sons explorase a fonda relación entre a natureza salvaxe e a cultura humana, destacando a beleza e maxestade da paisaxe da Serra da Groba.
Atendendo ao valor divulgativo e á calidade técnica e artística deste traballo audiovisual, o Concello de Oia ofrece a posibilidade de contemplalo durante o horario de apertura da oficina de turismo nos meses de xullo e agosto. Así, a peza estase a proxectar de xeito ininterrompido de mércores a domingo en horario de 10 a 16h no primeiro andar da oficina da Praza Centinela.
Paralelamente á proxección audiovisual, na planta baixa da oficina pódese visitar a mostra “Rizomas”, tamén obra de Ana Belén Jarrín. Neste caso, trátase dunha serie de fotografías creadas con capas superpostas de diferentes paisaxes.