Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural baseada nas historias dos profesionais que cos seus produtos e servizos transforman o rural

Tralo éxito dos anos anteriores, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentou hoxe no Pazo da Escola en Gondomar por cuarto ano a súa campaña de sensibilización “Parte de ti”.

No acto de presentación estiveron presentes os representantes dos concellos que forman parte do GDR Galicia Suroeste Eurural e o concello de Soutomaior, a presidenta do GDR, o alcalde de Gondomar que fixo de anfitrión e os dez protagonistas da campaña.

Ademais, presentouse a historia de Marina Álvarez, unha redeira de A Guarda que forma parte da dinámica Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai catro anos, Eurural decide ampliala un ano máis para seguir dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar está mañá ás 12:00 horas no Pazo da Escola e contou coas intervencións de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Eurural; Carmen Barbosa Pacheco, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalia e Sara González Pacheco, integrante desta mesma asociación.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Marina Álvarez, unha redeira da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (https://partedeti.eurural.org/historias/marina-alvarez/), desde a cal conseguiron ao longo dos seus anos de traballo dignificar a profesión, mellorar as súas condicións de traballo e ademais comezar un par de proxectos paralelos, coma unha colaboración con Artesanía de Galicia, con quen fan obxectos de artesanía e un proxecto que teñen con Amalia Puga, con quen agora mesmo están elaborando unhas lámpadas con redes recicladas.

“Moitas mulleres da miña familia son redeiras, desde nena vin como loitaron para estar onde estamos. O importante agora e que se incentive o relevo xeracional porque este é un traballo moi importante que non poden facer as máquinas. O futuro do mar, depende das redes”, Sara Gónzalez Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

“Sentímonos moi orgullosas do noso traballo. Que o traballo é duro, hai que traballar coas mans molladas, pero o salitre está no noso corpo”, Carmen Barbosa Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

Ademais da historia da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia ( A Guarda) presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Aitor (Tomiño), Lagar das Eiras (O Rosal), Lucky´s Bakes (Baiona), Viravolta (Tui) , El Ultramarino (O Porriño), O Muiño da Espelta (Mos), Carnicería Gandería Grego (Fornelos de Montes), Ara Restauración e Conservación (Nigrán) e Casa Rural Budiño de Serraseca (Oia).

Poderanse visualizar estes vídeos na web https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de Eurural (@eurural_gdr14) .

A Asociación de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio. Esta mesma entidade xestiona o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miñono que incorpora nas súas actividades ao concello de Soutomaior.

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxa financiación procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural. Nesta edición o proxecto tamén se financia en parte a través do convenio de colaboración entre o xeodestino e Turismo de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This