Xa se pode visitar a exposición itinerante de RURALtXA! na Oficina de Turismo de Oia
As fotografías poderanse contemplar ata o 23 de xuño de mércores a domingo en horario de 10:00 a 16:00 horas
O Oficina de Turismo de Oia acolle, ata o 23 de xuño, a exposición fotográfica itinerante do proxecto RURALtXA!, que inclúe 34 paneis que realizan un percorrido por polos valores dos queirogais e turbeiras, incluíndo a súa fauna e flora, así como as actividades tradicionais ligadas á conservación destes hábitats de grande interese medioambiental.
RURALtXA! é un proxecto en consorcio entre as universidades da Coruña e Santiago de Compostela xunto á fundación vasca HAZI, o cal conta coa poio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A iniciativa busca impulsar a bioeconomía rural revalorizando usos tradicionais do monte e gandaría extensiva á vez que conserva a biodiversidade, prestando especial atención ás áreas de queirogal e turbeira. Lévase a cabo en 5 áreas de Euskadi e 4 de Galicia.
Na nosa comunidade, traballa en espazos da Rede Natura como a Serra do Xistral e Monte Maior, en Lugo, e outras zonas de montaña como a Serra da Faladoira na Coruña e a Serra da Groba en Pontevedra. Nesta última, o proxecto traballa na conservación das áreas de queirogal e do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, así como das turbeiras da Valga e Viladesuso. O concello de Oia concentra a meirande parte das comunidades de montes da Serra da Groba participantes no proxecto.
Os queirogais dependen dos cabalos salvaxes e da gandaría extensiva para o seu mantemento e conservación. Coa perda destas actividades tradicionais, a supervivencia deste valioso ecosistema de montaña vese ameazada. Fronte a isto, co impulso e a posta en valor das actividades agrogandeiras tradicionais ante a sociedade preténdese contribuír ao mantemento destes hábitats de interese comunitario.
Inauguración da exposición
No marco deste proxecto deseñouse unha exposición fotográfica itinerante para dar a coñecer os valores das turbeiras e queirogais e das actividades tradicionais que sustentan estes hábitats. A mostra fai un percorrido polas relacións entre as xentes e o medio ambiente, así como pola flora, fauna e hábitats do proxecto.
A mostra pódese visitar na Oficina de Turismo de Oia de mércores a domingo en horario de 10:00 a 16:00 horas. Permanecerá ata o 23 de xuño e posteriormente pasará a outros concellos do entorno da Serra da Groba, como O Rosal, para logo comezar o seu percorrido no entorno da Serra do Xistral.
As entidades relacionadas coa temática medioambiental ás que lles interese acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto a través da páxina web https://ruraltxa.com