Xa se presentou o proxecto de renovación do drenaxe da PO-552 o Concello de Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Oia para informar á alcaldesa, Cristina Correa, sobre o proxecto das obras de drenaxe do río Seco na PO-552 en Viladesuso.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, así como do Xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Cores Tourís visitou xunto á alcaldesa o punto concreto onde se van a executar as obras, presentándolle o proxecto de reforma, que xa está redactado, e que suporá un investimento global de 122.000 euros.

O delegado territorial recordou que neste área realizouse unha intervención provisional “que evitou problemas de enchentes durante os temporais deste inverno” e que supuxo a execución dun tubo paralelo á antiga taxea de pedra que permite desviar a auga procedente do río por estas dúas conducións cara ao mar. “Aínda así, temos que executar a reforma definitiva, para o que necesitaremos os terreos de dominio público que na actualidade ocupan un galpón e o servizo de limpeza de vehículos da estación de servizo de Viladesuso”, explicou Cores Tourís, quen asegurou que o concello chegou a un acordo cos donos de este establecemento para poder retirar la zona de lavado e executar as obras. “Agora o concello terá que chegar a un acordo cos donos do galpón, que xunto ao muro que o circunda, terá que ser derribado, xa que o drenaxe atravesa o mesmo”, engadiu o responsable territorial.

O proxecto de renovación da obra de drenaxe transversal no punto quilométrico 30+500 da PO-552 será licitado nos próximos meses de cara a poder ser executado na época de bo tempo, e suporá a recuperación do dominio público hidráulico e a instalación dun marco de dous metros e medio por un metro e medio de ancho ao longo de 24 metros, e posteriormente dun canal aberto duns 50 metros máis de lonxitude por onde chegaría a auga do río Seco ao mar. 

O delegado territorial recordou que ademais dos traballos provisionais xa executados e das futuras obras de drenaxe transversal, xa se realizaron outras obras de emerxencia a raíz dos danos causados polas riadas do 2014. Nesas obras investíronse 35.662 euros.

Deste xeito, todas estas obras canalizarán o río Seco para que se solucionen as importantes concentracións de sedimentos que arrastra a auga da montaña cara a súa desembocadura en Viladesuso. “Estes sedimentos reduciron a capacidade hidráulica do sistema ao depositarse pedras dun tamaño moi importante. Agora, coa limpeza executada neste punto da actual canalización e a colocación provisional do novo tubo de 1.200 milímetros de diámetro, que circula en paralelo ao actual, incrementouse a capacidade do sistema de evacuación de augas de drenaxe evitando os colapsos que causaban as inundacións, tanto da estrada como das parcelas situadas nas inmediacións”, matizou Cores Tourís, quen engadiu que “coas obras que executaremos a maiores este ano, poñerase fin de forma definitiva ao problema das enchentes deste río en Oia”.

Finalmente, a alcaldesa do municipio aproveitou a visita do delegado territorial para solicitarlle que se repinte a estrada PO-552, “xa que temos moitas queixas da falta de visibilidade da sinalización horizontal, especialmente de noite”, explicou Cristina Correa. Neste senso, Cores Tourís trasladoulle que precisamente o pintado desta estrada se atopa entre as prioridades de mellora de estradas para a provincia de Pontevedra e “será executado este mesmo ano de cara a mellorar a seguridade vial entre Baiona e A Guarda”.

Pin It on Pinterest

Share This