Xornada informativa sobre a factura da luz este luns en Loureza
As Escolas de Loureza acollerán este luns día 13 de xuño unha xornada informativa sobre a factura da luz. A actividade, de entrada libre, comezará ás 17.00 horas e forma parte da programación de actividades do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) da Xunta de Galicia.
Esta charla será impartida por técnicos do IGCC co obxectivo de asesorar e aconsellar á cidadanía en relación a este servizo esencial. Abordaranse cuestións como os conceptos básicos que forman parte da factura da luz para a súa mellor comprensión e tamén se apuntarán consellos que poden axudar no aforro.
Tamén se trasladarán diferentes recomendacións, como solicitar que as ofertas comerciais se reciban sempre por escrito e ser cautelosos á hora de contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.
Ademais das charlas informativas presenciais, o IGCC pon a disposición das persoas consumidoras os “Venres de Consumo Responde”, unha iniciativa virtual para atender en aberto dúbidas (venres ás 12.30 horas, a través da aula virtual do organismo).
Tamén existe un servizo telefónico de información gratuíta (900.23.11.23, de luns a venres de 9 a 14 horas e de 17 a 19 horas), así como un servizo de atención presencial con cita previa nas sete principais cidades de Galicia. Finalmente, a web do organismo ofrece outras vías de consulta, neste caso a través de correo electrónico e formulario electrónico.