RUTA MÁXICA

Nivel de dificultade baixo

O percorrido está en torno aos 20 km e transcorre entre os 100 e os 300 m sobre o nivel do mar. Sinalizado nas dúas direccións pero recoméndase facelo de sur a norte.

A 500 m do punto de partida sito na estrada Oia-Torroña están os petroglifos de A Pedreira (1) baseados en liñas e cazoletas. Este enclave conta con magníficas vistas sobre o porto de Oia e o mosteiro cisterciense do século XII.

(1) A Pedreira

Un km despois chégase á zona do Viveiro, en cuxos arredores existen varios grupos de gravados rupestres que cobren unha extensa área dende O Alto do Visiño (A Xestosiña) ata Figueirido (Auga dos Cebros), destacando tres embarcacións de orixe mediterránea. O seguinte punto de interese coñecese como Outeiros do Morouzo (km 3) onde, ademais de impresionantes vistas, existen varios grupos de petroglifos, coa Pedra do Cazador (2) como superficie máis destacada.

(2) Pedra do Cazador

No km 4,1 alcánzase outro outeiro santuario coñecido como A Pousadela, onde se poden apreciar tres superficies principais con gravados, muíños rupestres e fantásticas vistas sobre toda a rasa atlántica de Oia incluíndo as illas Orelludas (3).

(3) As Orelludas

A partir deste punto, e durante uns 4 km entramos no canón do río Broi, onde se atopan as Sobreiras do Faro (4), consideradas como o bosque mediterráneo máis occidental de Europa catalogado como Espazo Privado de Interese Natural. Despois dunha falsa subida de 1,8 km chégase ao excepcional recinto fortificado de Cano dos Mouros (km 9,9), con fermosas vistas tanto sobre a costa como sobre os cumios da serra da Groba.

(4) Sobreiras do Faro

De Cano dos Mouros descéndese por unha pista asfaltada ata o Outeiro da Cheira (km 10,9) con visión panorámica sobre Mougás, pasando por As Goteiras (conxunto de gravados). Dende aquí seguiremos pola pista forestal que pasando polo Río da Fervenza (km 12,3), chega ata os gravados de O Pousiño (combinacións de cazoletas; km 13,4), debaixo dos cales se atopan As Pozas (5) do río Peito (km 13,9), ademais de fermosas fervenzas nos arredores.

(5) As Pozas de Mougás

Continuamos en dirección aos gravados existentes en Pedra Lan (km 16.1), e dende aí seguimos ata a elevación coñecida como A Cabeciña (6) (km 17,8), a cal posúe un recinto fortificado que controlaba o acceso polo norte á rasa litoral de Oia, e un dos conxuntos de petróglifos prehistóricos máis interesantes do Suroeste galaico. Finalmente, descéndese ata a estrada Baiona - A Guarda á altura do barrio da Mata.

(6) A Cabeciña

 

Fonte da ruta: M. Ángel Pombal (Wikiloc)

Powered by Wikiloc