Patrimonio arqueolóxico
A existencia de abundantes xacementos arqueolóxicos de Oia está directamente vinculada ás primeiras sociedades que pasaron por este territorio e se asentaron nel. Destacan os conxuntos de mámoas nas zonas altas da Groba, os gravados de arte rupestre e os castros localizados en diversos puntos do municipio.
Os mellores exemplos de monumentos megalíticos sitúanse nas parroquias interiores de Burgueira e Loureza, mentres que a maior parte dos gravados rupestres coñecidos emprázanse na franxa costeira.
No que respecta aos petróglifos, destacan os conxuntos do río Vilar, en Pedornes, onde se atopan as únicas embarcacións dos petróglifos galaicos cunhas características que apuntan a modelos de navíos mediterráneos (os gravados de Auga dos Cebros 1, Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6).
Tamén son de interese os petróglifos da Cabeciña (Mougás) e outras estacións rupestres orientadas cara o litoral e situadas ao longo da Ruta Máxica de Oia: A Pousadela (Pedornes) e A Pedreira (Santa María de Oia) son algunhas delas.
Aínda que con menor densidade que nas zonas costeiras, nas terras do interior tamén existen gravados prehistóricos, algúns deles salientables. Así, en Burgueira atópase o petróglifo de Pedra Escrita: cun diámetro de 110 cm, trátase do labirinto máis grande coñecido ata o de agora en Europa.
A franxa litoral de Oia é tamén coñecida como a Costa dos Castros. Da ducia de asentamentos en altura da Idade de Ferro coñecidos nesta área destacan os de Chavella, Cano dos Mouros e A Cabeciña. Especialmente salientable é o castro da Cabeciña, coa súa alta muralla monumental situada a poucos metros dos petróglifos.
O municipio tamén posúe vestixios arqueolóxicos de época romana, como son a explotación mineira localizada na parroquia de Burgueira e as salinas aparecidas en puntos da costa de Mougás e Viladesuso. Valiosos achados desta época histórica son a pía de sacrificios de Mougás, que pode visitarse no Museo Provincial de Pontevedra, e a ara de Viladesuso, no Museo Diocesano de Tui.