Ademais do seu rico legado material, Oia conta cun interesante repertorio de elementos intanxibles que falan da historia e os costumes propios deste territorio e das súas xentes.

Unha das tradicións máis coñecidas e arraigadas é a dos curros, tamén coñecidos como rapa das bestas e que consisten en reunir aos cabalos que se crían libres no monte para, unha vez cerrados nun gran peche, proceder ao separalos, cortarlles as crinas, marcalos e desinfectalos. En Oia celébranse os curros de Torroña, A Valga e Mougás.

Outro elemento clave do patrimonio de Oia é o Camiño de Santiago. O Camiño Portugués da Costa atravesa toda a franxa litoral do concello. Tamén coñecido como Camiño Monacal, pola hospitalidade que historicamente ofreceu o Mosteiro de Santa María de Oia, este itinerario é cada vez máis escollido polos peregrinos para chegar ata Compostela.

OIA, LUGAR DE LENDAS

En consonancia coa longa historia e tradicións deste territorio, Oia tamén conserva numerosas lendas que falan de milagres, lugares máxicos e pasaxes subterráneas, entre outras temáticas características dos relatos populares galegos.

Entre as lendas que teñen chegado ata os nosos días está a que fala dunha figueira que deu froito de forma prematura por mediación da divina providencia. Outra ben coñecida é a que atribúe propiedades beneficiosas á fonte de San Cosme e San Damián, situada no barrio do Arrabal.

Entre o feito histórico e a lenda atópanse o relato sobre as circunstancias da aparición dunha talla da Virxe do Mar, padroa de Oia, a cal foi atopada a finais do século XVI por uns labregos que andaban ao argazo na Punta Orelluda (Pedornes).

Tamén existen relatos populares que interpretan a paisaxe, como o da Cadeira do Rei Sol, unha formación rochosa próxima ao castro de Cano dos Mouros e orientada cara ao mar. A lenda do Rei Sol, fala dun monarca da antigüidade sentaba nela cada tardiña para contemplar o solpor desde este máxico lugar.

A veciñanza tamén conta que Cano dos Mouros había un túnel que comunicaba Viladesuso con Mougás e incluso hai quen fala da existencia de misteriosas pasaxes subterráneas que conectaban o Mosteiro con outros lugares…

Pin It on Pinterest