A paisaxe de Oia é froito do milenario diálogo entre a natureza e as comunidades humanas que habitaron este territorio ao longo da historia. Froito desta intensa relación, este municipio da comarca do Baixo Miño, na provincia de Pontevedra, presenta un rico patrimonio cultural, con elementos de valor arqueolóxicoetnográfico e histórico-artístico.

A riqueza do Patrimonio arqueolóxico de Oia, permítenos mergullarnos a través de abundantes xacementos arqueolóxicos, petróglifos, vestixios romanos, directamente vinculados ás primeiras sociedades que pasaron por este territorio e se asentaron nel.

Podemos continuar a travesía, descubrindo outros elementos do seu Patrimonio histórico: asombrarémonos co Mosteiro de Sante María de Oia, o Barrio do Arrabal, e as igrexas parroquiais de San Mamede de Pedornes, San Miguel de Viladesuso, Santa Uxía de Mougás, San Pedro de Burgueira e San Mamede de Loureza; así como as capelas de San Sebastián (Santa María de Oia), Santa Calumbra (Loureza) e da Madanela (Burgueira).

Coñecendo máis a fondo o que se pode encontrar en Oia, chegamos o seu Patrimonio etnográfico e industrial, e podemos encontrar interesantes exemplos como son os muíños, hórreos (coñecidos na zona como canizos), lavadoiros, fontes, curros para os cabalos e un foxo do lobo, a Camboa, as cetarias, e o faro de Cabo Silleiro, entre outros.

Pero ademais de todo este legado tanxible, Oia tamén conserva vivos elementos do seu Patrimonio inmaterial: tradicións como os curros, o Camiño de Santiago e innumerables lendas e relatos populares.

Fontes:

  • Asociación Costa dos Castros www.costadoscastros.com
  • Costas Goberna, F.J; Expósito Álvarez, M. (2004) Los Faros de la Ría de Vigo. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.
  • Costas Goberna, F.J; Novoa Álverea, P; Sanromán Veiga, J. Pedra Escrita. Grabados rupestres en Sta. María de Oia (Pontevedra). 1992-93. Castrelos Número 5-6.
  • Martínez Tamuxe, X; Alonso Rodríguez, A. (1996) Parroquia de San Miguel de Viladesuso. Concello de Oia.
  • Costas Goberna, F. J. (2011). Los barcos de los petroglifos de Oia. Vigo.
  • Leite Rodrigues, A. P. (2013). El hallazgo de una lápida abacial del Monasterio de Santa María de Oia. Vigo: Boletín Instituto Estudios Vigueses. Número 18.

Pin It on Pinterest