O CABALO NA SERRA DA GROBA

A presenza de cabalos salvaxes na Serra da Groba constátase desde tempos prehistóricos. No concello de Oia existen numerosos petróglifos con representacións de animais cuadrúpedes, moitos deles cabalos. Entre estes gravados rupestres destaca o coñecido como a Pedra do Cazador, nos Outeiros do Morouzo (Pedornes), onde se pode observar unha escena de caza con équidos montados por xinetes e máis un conxunto de cervos.

Os montes de Oia son un bo lugar para observar cabalos do país criados en estado salvaxe, coñecidos na zona como garranos, os cales viven nestas paraxes naturais formando greas lideradas por un macho.

Segundo o Catálogo Oficial de Razas Gandeiras Autóctonas de Galicia, o Cabalo de Pura Raza Galega ten como principais características:

Foto: puraga.es

  • Capa de cor castaña ou negra
  • Perfil recto ou subcóncavo
  • Alzada entre os 120 e os 140 cm.
  • Cabeza con fronte ancha e plana, ollos grandes, vivos e expresivos e beizos grosos.
  • Abundante topete, crina e cola moi poboadas.

É de temperamento tranquilo, valente e intelixente, o que o converte nun animal idóneo para a equitación, tanto de ocio como deportiva.

Os cabalos da Valga viven en liberdade nos montes e unha vez ao ano son prendidos polos seus propietarios para cortarlles as crinas, marcalos e sanealos: é a tradición dos curros, tamén coñecida como rapa das bestas.

OS CURROS EN OIA

Foto: Gabriel Rubio

Foto: Antonio Veiga González

Os curros son unha antiga tradición que se celebra en diversas partes de Galicia, se ben os do Baixo Miño presentan unha serie de características específicas que os fan diferentes a outras rapas. Dentro do concello de Oia celébranse os curros da Valga (que é o primeiro da tempada), Torroña e Mougás.

A palabra curro non só se refire á tradición en si, senón que tamén é o nome do curral ao que se conduce aos cabalos (tamén chamados burras) previamente collidos no monte. Así pois, os curros son un elemento do patrimonio inmaterial pero tamén do patrimonio etnográfico galego. En Oia, os peches dos curros están construídos en pedra e teñen forma rectangular.

A orixe desta tradición e da cría de cabalos ceibes nesta zona de Galicia pérdese no tempo, se ben existe documentación relativa ao Mosteiro de Oia que confirma a posesión de gando no monte por parte dos monxes. Así, un privilexio asinado no século XIII polo rei Afonso IX menciona eguas e cabalos que o cenobio tiña nos montes e, xa no século XVIII, varias escrituras forais falan do dereito do cenobio para “prender e acurralar” o gando do monte.

COMO SE CELEBRAN OS CURROS EN OIA

O desenvolvemento dos curros comeza semanas antes da data da celebración, coas xuntanzas nas que os gandeiros planifican e coordinan todos os labores do gran día. En liñas xerais, estes son os principais feitos que acontecen nun domingo de curro en Oia:

Os gandeiros xúntanse a primeira hora da mañá para recoller aos cabalos (tamén chamados burras) que son criados libres no monte. Para conseguilo, repártense polo terreo formando o chamado cordón, cercando ao gando e dirixíndoo pouco a pouco cara ao lugar da parada.

Despois da parada, o gando será conducido cara o curro. Cómpre separar as crías para evitar posibles danos por parte dos exemplares adultos e aos machos sementais para evitar pelexas dentro do curral.

Á hora da comida, que vai acompañada de festa, detense a actividade ata aproximadamente as 17.00 horas. As familias gandeiras xúntase para comer nas súas propias carpas ou ben se achegan ata os postos de comida e bebidas que se colocan para a ocasión.

Pola tarde, os animais do curro vanse retirando un a un. Para ir separando cada cabalo, os gandeiros non empregan a técnica de corpo a corpo que se pode ver noutras rapas das bestas que se celebran en Galicia. Nos curros do Baixo Miño emprégase a vara de encabestrar ou gaxada, un utensilio que consiste nun pau longo rematado cunha peza metálica en forma de S, da que pendura o cabestro da corda.

Con habilidade, o gandeiro move a vara para facer pasar a corda pola cabeza do animal, a fin de telo suxeito e poder conducilo cara fóra do curro. Unha vez fóra, córtalle as crinas, faille o saneamento para eliminar parasitos e marca as crías cun ferro candente (cada gandeiro ten o seu propio ferro). Rematados estes labores, o animal sóltase de novo ao monte.

Ademais destes curros de primavera onde se fai a rapa e a marcaxe (e tamén compra e venda de cabalos); no verán celébranse os curros das moscas. Nestas celebracións, que se organizan no mes de agosto, vólvese prender os cabalos para darlles tratamentos para mantelos saneados.

Curros de primavera en Oia

  • Curro da Valga (Loureza): 2º domingo de maio.
  • Curro de Torroña (Burgueira): 1º domingo de xuño.
  • Curro de Mougás: 2º domingo de xuño.

Curros de verán en Oia (curros das moscas)

  • Curro da Valga (Loureza): 1º domingo de agosto.
  • Curro de Torroña (Burgueira): 2º domingo de agosto.
  • Curro de Mougás: 3º domingo de agosto.

Fontes:

  • DECRETO 149/2011, de 7 de xullo, polo que se establece o Catálogo oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia.
  • Pérez Pintos, X; Bouzó Fernández X. (2017). A Serra da Groba. A formación da paisaxe. Tórculo.
  • Sa Bravo, Hipólito de (1972). El Monacato en Galicia, Tomo II. A Coruña: Librigal.

Pin It on Pinterest