Loita contra os incendios

Despois da traxedia acontecida o ano pasado como consecuencia dos incendios, en boa parte de Galicia, é preciso que todos colaboremos e tomemos conciencia da importancia de manter limpas as propiedades forestais privadas, así como as fincas próximas a núcleos, eliminando especies como o eucalipto ou a acacia, que polas súas características axudan á propagación dos incendios.

A Lei de incendios recolle as OBRIGAS DOS PARTICULARES: “…será obrigatorio para as persoas responsables, xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, campings, gasolineiras e parques e instalacións industriais, ubicadas a menos de 400 metros do monte”. “Ademais, nesa franxa de 50 metros non poderá haber as especies que seguen: piñeiro galego, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrei, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra, eucalipto, brecina, carqueixa, xesta, queiruga, fento, silva e toxo.”. En caso de incumprimento, os entes locais enviaranlle unha comunicación na que se lembrará a obriga da xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies prohibidas, a realizar por eles nun prazo de 15 días naturais, advertíndolle da posibilidade de execución subsidiaria por parte das entidades locais no caso de incumprimento e sen prexuízo do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas por parte da Consellería de Medio Rural. O envío desta comunicación xa non é facultativa, senón que ten carácter PRECEPTIVO.

Estas labores de limpeza deben estar feitas antes do remate do mes de MAIO !! A maiores das sancións que o incumprimento destas obrigas poida supoñer, na modificación da Lei de incendios que recolle a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativos recóllese unha novidade pola cal a aquelas persoas que non cumprisen coas citadas obrigas de limpeza e de retirada de especies repercutiránselles, previa iniciación do correspondente procedemento, os gastos de extinción no caso de incendio.

Pin It on Pinterest

Share This