O Concello de Oia inicia unha nova campaña de reparto de trampas contra a velutina
Esta primavera repartiranse un total de 350 trampas e 2.500 atraentes
O Concello de Oia comeza esta primavera unha nova campaña de reparto gratuíto de trampas para combater a invasión de avespa velutina. A iniciativa incrementa este ano a cantidade de material posto a disposición da veciñanza, cun total de 350 unidades a entregar entre apilcutores.
A campaña de trampeo realízase aproveitando a chegada da primavera. Esta estación é un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.
O Concello leva varios anos desenvolvendo estas campañas de reparto de trampas para axudar e evitar os danos que provoca a presenza da vespa velutina, a cal supón unha ameaza a especies que cumpren un importante labor polinizador como é o caso das abellas.
Os apicultores interesados en recibir unha trampa poden contactar co Concello nos números de teléfono 986.36.21.25 e 639.32.94.93.
En caso de localización dun niño de velutina, a Administración local lembra que os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello de Oia (986.36.21.25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (dispoñible para teléfono móbil e tablet).
Recomendacións no uso de trampas
A cantidade de trampas a colocar nun apiario varía segundo o número de colmeas que se posúan. Por iso recoméndase seguir as seguintes proporcións:
- 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
- 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
- 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas.
- 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas.
Estas trampas deberán colocarse soamente en zonas onde se teña detectado presenza de velutinas. O ideal é situalas a unha altura de 1,50 metros e nun radio de 100 metros arredor dos apiarios, en puntos soleados e protexidos do vento.