O Concello de Oia repartirá 20 novos composteiros entre a veciñanza

O Concello de Oia continúa un ano máis co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, nesta ocasión a través do reparto de 20 novos composteiros individuais que o próximo día 17 serán entregados aos veciños e veciñas que os tiñan solicitado. Unha vez cubertas as solicitudes existentes aínda quedan algunhas unidades dispoñibles, polo que as persoas interesadas poden facer a súa petición a través do rexistro municipal.

Esta partida de 20 novas unidades, procedente dunha achega de Sogama, forma parte do programa de promoción da compostaxe doméstica que está a desenvolver a Administración local, e que consiste na entrega de composteiros individuais entre a veciñanza.

Dentro deste programa municipal, desde o ano 2019 Concello leva entregados un total de 75 composteiros, algúns recibidos a través de Sogama e outros correspondentes ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

As persoas beneficiarias do programa municipal quedan comprometidas a participar nos labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do composteiro entregado.

Beneficios da compostaxe

O Concello de Oia anima á veciñanza a empregar os composteiros nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.

O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural resulta beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.

Ademais, o tratamento de restos orgánicos a través da compostaxe axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia é reutilizada en vez de ser botada aos colectores de lixo.

Pin It on Pinterest

Share This